'A voz das Mulleres non se apaga', o municipalismo galego conmemorará o 25 de novembro

Alcaldesas e concelleiras nunhas xornadas da Fegamp. (Foto: Concello de Ames)
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) conmemorará o 18 de novembro en Compostela o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O municipalismo galego vai conmemorar cunha posición común o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, en forma de declaración institucional recentemente aprobada pola Xunta de Voceiros e Voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Esta declaración institucional vai ser presentada nun acto público na capital galega no que intervirán a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, que lerá a declaración institucional.

O texto da declaración reafirma “o rexeitamento e condena unánime á violencia machista que sofren as mulleres” e “o compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres” do municipalismo galego, sendo “concellos e deputacións galegas conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade.”

“Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela” enfatiza a declaración da Fegamp que, ademais, destaca que “negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas”.

Polo anterior, o conxunto de municipalismo galego, “alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, así como todo o persoal municipal, póñense a carón das vítimas e das súas familias para dicirlles que non permitirán que se vulnere o principio de igualdade nin se normalice esta violencia, un crime contra os dereitos humanos que nos empobrece como sociedade”, e na súa representación, a Fegamp “quere recoñecer o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista, animando a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a quen os ampara”, garantido ás mulleres nesta loita contra a violencia que padecen “non están soas; nin hoxe nin nunca”.

Actuación musical

Ademais, o acto, que decorrerá nunha das entradas de Área Central, no barrio compostelán de Fontiñas, contará coa actuación da cantareira Leni Pérez, que presentará unha composición alusiva contra a violencia que padecen as mulleres.

No mesmo evento presentarase a imaxe da Fegamp para conmemorar este 25 N baixo o titulo 'A voz das Mulleres non se apaga'. Os 313 concellos e as 4 deputacións xa dispoñen de esta imaxe para difundila, e tamén da declaración institucional, que está a ser aprobada nos plenos dos concellos.