As vítimas mortais no accidente de Cerdedo soben a seis

O autobús sinistrado somerxido polo río Lérez. (Foto: Europa Press).

As persoas mortas no sinistro de circulación en Pedre (Cerdedo-Cotobade) xa suman seis. A falla de rematar os traballos fica un viaxeiro por aparecer.

Os servizos de rescate desprazados a Cerdedo-Cotobade veñen de recuperar unha nova vítima mortal a comezos desta serán. Neste sentido, o número de mortos ascende a seis, continuando a busca dunha persoa desaparecida.

A morta é outra persoa que viaxaba no autobús da empresa Monbus que facía a liña regular entre Lugo e Vigo. O vehículo, que saíu as 19:00 da tarde da cidade das Murallas, accidentouse arredor de 21:15 en Pedre (Cerdedo-Cotobade).

As autoridades sinalaron que tres das persoas falecidas eran naturais de Agolada, Soutomaior e Lalín. A este respecto, indicaron que no vehículo viaxaban outras dúas persoas desta localidade.

O autobús recolleu perto de 19:48 a dúas persoas no cárcere de Monterroso. Neste caso, trataríase de familiares de reclusos que acudiran con motivo da Noiteboa ao centro penitenciario.

O operativo de rescate foi suspendido até maña a falla da última persoa que fica por aparecer. O equipo de emerxencias está formado, entre outros, por unidades de bombeiros Pontevedra, Deza, Salnés e o GES da Estrada.

Traballos complicados

A situación orográfica do lugar do sinistro así como as condicións meteorolóxicas veñen dificultado as tarefas do equipo de emerxencias desde a noite de onte.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda trasladou o seu pesar aos familiares das vítimas. Así, afirmou que “é tremendo sempre ter que falar dun accidente así, pero nestas datas é moito máis dantesco. Imos seguir traballando e canto antes recuperar os cadáveres e que se recuperen canto antes os feridos”.

O Bloque Nacionalista Galego fixo o propio a media mañá. Neste liña, indicou que “desde o BNG queremos trasladar o noso pesar ás familias das vítimas do terríbel accidente de Pedre no concello de Cerdedo-Cotobade. O noso recoñecemento ás persoas do servizo de emerxencias que están realizando unha labor en circunstancias moi adversas”.