As vítimas de Angrois, "abatidas" pola absolución do ex alto cargo de Adif: "É terríbel"
A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago de Compostela) en xullo de 2013 –que deixou 80 mortos e 143 persoas feridas– afirma que o colectivo está "abatido" ante a absolución do ex director de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.
A decisión da Audiencia da Coruña coñeceuse esta sexta feira. Para o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez, a decisión xudicial é "terrible" para as vítimas, pero tamén para "a sociedade e todos os que viaxan en tren". "Volveu suceder e volverá pasar", advirte, en referencia ao novo descarrilamento con vítimas mortais –45 confirmadas– rexistrado o pasado domingo en Adamuz (Córdoba).
Segundo recalca este portavoz das vítimas, en no Estado español non existe "unha xustiza independente" e iso súmase a que, segundo ditaminou a Comisión Europea, o Estado tampouco elaborou unha investigación independente do sinistro de Angrois –a da CIAF foi duramente criticada–. Estas investigacións deberían servir para coñecer as causas de ambas as traxedias e tratar de evitar que se repitan no futuro, segundo remarca Jesús Domínguez.
Xuíces que queren "facer carreira"
Con todo, critica a existencia "dunha xustiza totalmente politizada", cun Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) "controlado por PSOE e PP" e maxistrados que "queren facer carreira" e "saben que para iso non poden ir contra o Estado".
Con todo, valora que o fallo da Audiencia da Coruña que absolve a Cortabitarte e mantén a condena ao maquinista, Francisco Garzón, conta cun voto particular, dunha maxistrada, indica Domínguez, que "non estará tan interesada en facer carreira".
A Audiencia votou en decembro e a súa decisión coñécese agora, o cal para o representante da plataforma de vítimas "non é casual", xa que o vincula coa situación que atravesa Adif no medio do debate sobre a seguridade da rede ferroviaria española.