A vítima de La Manada insta as mulleres a denunciar as violacións

Manifestación en Compostela contra a sentencia do caso de La Manada

A rapaza madrileña fixo pública unha carta a través do programa de Ana Rosa Quintana onde agradece o apoio recibido

Mantendo o seu anonimato, a rapariga que foi violada por cinco homes nas festas dos San Fermín de 2016 falou publicamente por primeira vez a través dunha misiva que difundiu o Programa de Ana Rosa Quintana. O texto, que foi lido en directo pola presentadora de Telecinco, chama a sociedade a “non ficar calados, porque se o facedes estádeslles deixando ganar a eles”. “Contádello a un amigo, a un familiar, á policía, nun chío, como queirades, mais contádeo”, engade.

 

Durante o xuízo, a muller de Pozoblanco relatou a agresión afirmando que nunca falara de sexo cos rapaces e que, unha vez acorralada, entrou en “estado de shock”. “Sometinme e calquera cousa que me dixeran ía facela”, contou, sinalando que “só quería que pasara”. Após o proceso xudicial e a sentencia, que condena -aínda non en firme- os cinco homes a nove anos de prisión por abusos sexuais, a vítima recoñece que “o camiño que hai que recorrer” logo de interpoñer unha denuncia “non é un prato de bo gusto”.

 

Porén, a moza reflexiona sobre que tería pasado se ela non tivese denunciado, e avisa as mulleres sobre a importancia de denunciar os casos de violencia. “Pídovos que por moito que creades que non vos van crer, denunciedes”, escribe. Na carta, tamén ten palabras de agradecemento para a súa familia e amizades. “Vós erguédesme”, afirma, ao tempo que estende a súa gratitude a asociacións, xornalistas e persoeiros públicos por “facerme sentir outra vez parte da sociedade”.

 

Por último, a vítima reflexiona sobre a frivolidade que supón facer brincadeiras sobre as violacións. “Ninguén ten que pasar por isto, ninguén ten que lamentarse de beber, de levar minisaia, de ir soa para casa, isto pódelle pasar a calquera, asegúrovolo”, conclúe.