Contra a violencia institucional, eixo da violencia machista: estas son as mobilizacións do 25-N na Galiza

Centos de persoas manifestáronse en Vigo esta segunda feira, 25-N, contra o patriarcado e as violencias machistas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Esta terza feira, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o feminismo galego volverá saír á rúa para denunciar as múltiples formas de violencia machista e, este ano, cun enfoque especial na violencia institucional. Colectivos feministas chaman a mobilizarse en decenas de concellos do país baixo o lema, advertindo de que as administracións seguen a fallar na protección, na atención e na garantía dos dereitos das mulleres. 

Galiza prepara unha nova xornada de mobilización feminista esta terza feira, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Con convocatorias espalladas por todo o país, o feminismo galego chama a saír ás rúas para denunciar as múltiples formas de violencia machista e, este ano, pon o foco na violencia institucional como engrenaxe que perpetúa a desigualdade e impide o acceso efectivo aos dereitos das mulleres.

Así, a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres lanza este 25 de novembro unha mensaxe contundente: a violencia institucional é o eixo estrutural que perpetúa todas as demais formas de violencia machista. Baixo o lema "Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista", a organización feminista chama a mobilizarse en toda Galiza para denunciar que administracións, xustiza e políticas públicas continúan reproducindo desigualdade, abandono e vulneración de dereitos para milleiros de mulleres.

A MMM alerta de que, malia décadas de loita, as discriminacións seguen enraizadas na propia estrutura do Estado, afectando tanto as decisións xudiciais como as políticas sociais, a atención sanitaria ou o acceso á vivenda. "Precisamos reconstruír con perspectiva feminista toda a engrenaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulleres galegas", subliñan.

A violencia institucional, no centro do 25-N

A organización feminista lembra que a violencia machista non se limita aos feminicidios ou ás agresións físicas. Tamén se expresa na falta de recursos, na desprotección fronte aos agresores, na ausencia de formación entre profesionais, na precariedade laboral, na discriminación das nais e das coidadoras ou na criminalización das mulleres migrantes.

Por iso poñen o foco na violencia xudicial, denunciando a falta de xulgados específicos, a imposición de custodias compartidas con maltratadores, a escaseza de profesionais formados e a revitimización constante das mulleres que denuncian. Reclaman, aliás, que se revisen os protocolos do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga), que se desterren invencións como a Síndrome de Alienación Parental (SAP) e que se poña fin ás prácticas dos Puntos de Encontro Familiar nos casos con sospeita de violencia.

Violencias obstétrica, económica e institucional

O manifesto da MMM tamén denuncia a violencia obstétrica, exixindo información, consentimento, acompañamento garantido e o abandono de prácticas invasivas ou desaconselladas.

No plano económico, a MMM volve lembrar que o capitalismo e o patriarcado sustentan a precariedade das mulleres, reclaman a redución da xornada laboral a 30 horas, igualdade salarial real e un sistema público de coidados que non recaia exclusivamente sobre as mulleres.

Reclaman, aliás, políticas públicas ambiciosas en vivenda, sinalando que a mercantilización do dereito a un fogar golpea especialmente as mulleres con menores ingresos, as familias monomarentais e as vítimas de violencia.

A Marcha Mundial das Mulleres denuncia que a Xunta recortou programas de igualdade e fragmentou as competencias, debilitando a resposta institucional fronte ás violencias. Por todo isto chama á cidadanía a encher as rúas este 25-N e a organizarse para alcanzar unha Galiza feminista.

Polas que coidan

Aliás, en Vigo poñen o foco no sector dos coidados, traballadoras do fogar, do SAF, das residencias ou da comunidade, que sosteñen o esencial mentres son precarizadas, sobrecargadas e desprotexidas fronte ás agresións físicas, sexuais, económicas e psicolóxicas que moitas sofren no desempeño do seu labor.

O colectivo Resposta Feminista. As que miran lilá lembra que a violencia machista tamén habita nos coidados: na normalización de condicións laborais indignas, na externalización de servizos públicos que converten un dereito en negocio, e na vulneración constante das mulleres migrantes, ás que se lles encomendan tarefas durísimas sen garantías. E sinala un caso que golpeou o país enteiro: o feminicidio de Teresa de Jesús, traballadora do SAF do Porriño, asasinada mentres coidaba. "Quen coida non está sendo coidada", denuncian, ao tempo que reproban que en Vigo se prioricen luces e macroeventos mentres as mulleres que sosteñen os coidados seguen nunha situación límite.

Por iso, proclaman, este 25-N ergueranse polas que coidan: para exixir un sistema público de coidados, dignidade laboral e vidas libres de violencia.

Mobilizacións do 25-N convocadas polo feminismo galego

A Coruña – 20 horas. Obelisco.
As Pontes – 20.30 horas. Praza do Hospital.
Betanzos – 20 horas. Praza do Campo.
Carnota – 18.30 horas. Praza da Pedra.
Chantada – 20:30 horas. Praza do Cantón.
Compostela – 20 horas. Praza 8 de Marzo.
Marín – 20 horas. Praza 8 de Marzo.
Melide – 20 horas. Praza do Convento.
Narón – 19 horas. Praza da Gándara.
O Porriño – 20 horas. Praza do Concello.
Ourense – 20 horas. Castañeira (San Lázaro).
Ponteceso – 20 horas. Prada do Recheo.
Pontedeume – 20 horas. Praza do Concello.
Pontevedra – 20 horas. Praza da Peregrina.
Ribadavia – 20 horas. Praza da Madalena.
Ribadeo – 19 horas. Praza 8 de Marzo.
Ribeira – 20 horas. Praza do Concello.
Vilagarcía – 20 horas. Praza de Galicia.
Vilalba – 20 horas. Praza da Constitución.
Vigo – 20 horas. Vía Norte.