Unha vintena de localidades mobilizaranse en defensa da Atención Primaria o 13 de abril

Concentración en defensa da sanidade pública en Viveiro (A Mariña) o pasado mes de setembro. (Foto: Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña)

A plataforma 'PACs contra ou decretazo' confirmou esta sexta feira a súa participación nas concentracións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública.

 

Coincidindo co Día da Atención Primaria, que se conmemora cada 12 de abril, a Plataforma SOS Sanidade Pública da Galiza convoca todas as plataformas locais e comarcais en defensa da sanidade  a mobilizarse por unha Atención Primaria digna e de calidade.

Segundo destacaron durante o chamamento, a situación que atravesa o primeiro nivel da sanidade pública galega é "dramática", malia "asas proclamas da Xunta". Segundo denunciou o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, as esperas para acceder a unha consulta co persoal médico de familia alcanza os oito días e moitos centros de saúde non contan con persoal suficiente para atender as persoas doentes de forma presencial.

Tamén a poboación infantil paga as consecuencias da fata de especialistas, sinalou, "con 11.000 nenos e nenas galegas sen atención". O malestar entre profesionais e usuarias da sanidade pública vai en aumento, dixo Martín, polo que urxe a Administración galega mudar o modelo e dotalo de medios para unha atención de calidade.

Polo momento unha máis dunha vintena de localidades confirmaron xa a súa participación na xornada de mobilizacións que se desenvolverá de forma maioritaria a segunda feira 13 de abril.

Concentracións

  • A Coruña, ás 11 horas no centro de saúde San Xosé.
  • Baiona, ás 12 horas no centro de saúde de Baiona
  • Cangas, ás 12 horas no centro de saúde de Cangas
  • Catoira, ás 11.30 horas no centro de saúde de Catoira.
  • Compostela, ás 11 horas no Centro de Saúde de Fontiñas.
  • Ferrol, ás 19 horas no centro de saúde Fontenla Maristany.
  • Gondomar, ás 12 horas no centro de saúde de Gondomar.
  • Lugo, ás 12 horas no centro de saúde da praza de Ferrol.
  • Marín, ás 20.30 horas no centro de saúde de Marín.
  • Moaña, ás 12 horas diante da Casa do Mar.
  • O Grove, ás 12 horas no centro de saúde do Grove.
  • Ourense, ás 11.30 horas no centro de saúde Valle Inclán.
  • Panxón, ás 12 horas no centro de saúde de Panxón.
  • Pontevedra, ás 11 horas no centro de saúde Virxe Peregrina.
  • Redondela, martes 14 de abril, ás 20 horas no centro de saúde de Redondela.
  • Ribeira, ás 20 horas no centro de saúde de Ribeira.
  • Sanxenxo, domingo 12 de abril, ás 12 horas no centro de saúde Baltar (Portonovo).
  • Vigo, ás 11 horas no centro de saúde Olimpia Valencia.
  • Viveiro, ás 11.30 horas no centro de saúde de Viveiro.

Aínda por confirmar a hora e o lugar concretos, tamén confirmaron a súa participación no chamamento lanzado pola Plataforma SOS Sanidade Pública as agrupacións locais e a veciñanza do Rosal e de Baio, no concello de Zas (Terra de Soneira).

PACs contra o decretazo

Por outra parte, a plataforma 'PACs contra ou decretazo' confirmou esta sexta feira a súa participación nas concentracións do 13 de abril. Sinalan que tanto a Atención Primaria como os Puntos de Atención Continuada (PAC) "comparten problemas estruturais" como a falta de persoal e o incremento da carga asistencial. Advirten que as medidas impulsadas para reorganizar estes servizos "poden agravar" a situación, "ao afectar tanto as condicións de traballo como á atención á cidadanía".

Consideran ademais que estas concentracións son unha oportunidade para facer visíbel o "malestar existente" e trasladar á administración a necesidade de adoptar medidas que "garantan unha atención sanitaria de calidade".