Vinte e dous anos de debate e disidencia libertaria na capital europea da cristiandade
Juanma Agulles, Xoán Doldán e Martin Paradelo son algúns dos nomes presentes nas XXII Xornadas Libertarias que na vindeira semana decorrerán en Santiago de Compostela.
‘Levamos un mundo novo nos nosos corazóns’ é o lema (durrutiano, como non podía ser doutro xeito) da XXII Xornadas Libertarias organizadas pola CNT en Compostela. Unha cita que comezou a principios da década dos noventa e que desde aquela até agora ten sido todo un ágora de pensamento, debate e deliberación anarquista. Máis de dúas décadas nas que pasaron por esta xornada desde Moncho Alpuente até Haro Tecglen, pasando por nomes históricos do anarquismo como Abel Paz. Todo tipo de temas e cuestións foron debullados, desde a soberanía alimentar até a defensa d territorio, pasando polo sentido e praxe do anarco-sindicalismo, a loita anti-patriarcal, as cooperativas de consumo ou o eido represivo.
Esta XXII edición comezará a segunda feira (día 27) e prolongarase até a sexta feira (día 31). O sociólogo Juanma Agulles será o encargado de abrir fogo con ‘Os límites da consciencia e a superación da sociedade tecnolóxica’. O historiador do cinema Martín Paradelo, o economista Xoán Doldán ou o informático Daniel Espiñeira serán outras das voces nun programa no que se fala desde o decrecemento até redes de telecomunicacións auto-xestionadas, pasando polo cinema abordado desde unha focaxe “materialista”.
Todas as charlas serán ás 20:00 horas no local da CNT na capital de Galiza (R / García Prieto. Barrio de Conxo).