Mudanzas nos concellos

Vilanova de Arousa súmase ao fechamento do Grove, da Pobra do Caramiñal, de Cualedro e de Carballeda de Valdeorras

Un home sentado nun banco do Grove, que seguirá no máximo de restricións. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O subcomité clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia provocada pola Covid-19 acordou na mañá da sexta feira estender o nivel máximo de restricións ao concello de Vilanova de Arousa. Ademais, seguirán fechados Carballeda de Valdeorras, Cualedro, A Pobra do Caramiñal e O Grove.

Mudanzas no mapa das restricións por concellos. O subcomité clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia Covid e que se reúne nas mañás das sextas feiras decidiu incluír Vilanova de Arousa nos termos municipais en nivel máximo de restricións.

Desta maneira, Vilanova súmase ao Grove, á Pobra do Caramiñal, a Carballeda de Valdeorras e a Cualedro, que continúan fechados perimetralmente e coa hostalaría aberta só para recollida ou servizos a domicilio.

Nivel alto

Así mesmo, o subcomité tamén determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Lobeira, Muiños, Petín, O Barco de Valdeorras, Meira, Ribeira, Cambre, Marín, Meis, Meaño, Ribadumia e Ponteareas. Este nivel implica que a hostalaría só pode abrir nas terrazas, con capacidade de 50%, até as 21 horas. Permítense reunións de até seis non conviventes no exterior e catro en interiores. As instalacións deportivas, culturais e de culto non poden superar o 30% de capacidade. Hai liberdade de mobilidade por todo o territorio, agás con concellos do nivel máximo.

Nivel medio

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos concellos de Cartelle, Lobios, Cortegada, Padrenda, Verín, Chantada, Boiro, Rianxo, Carnota, Carral, Catoira, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Poio, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Trabada, Barreiros, e Vigo. Este nivel implica que na hostalaría as terrazas non superen a capacidade de 50% e no interior 30%, até as 21 horas. Permítense reunións de até seis non conviventes no exterior e de catro en interiores.

Nivel medio baixo

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Nestes municipios permítese que as terrazas da hostalaría ofrezan servizo até un máximo do 75% da súa capacidade e no interior até un 50%, até as 21 horas, permítense reunións até seis non conviventes no exterior e de catro en interiores. Hai libre mobilidade, agás concellos do nivel máximo.

Toque de recoller

O toque de recoller está estabelecido nas 23 horas en toda a Galiza, que continúa fechada perimetralmente. Os locais con licenza de restaurante poden servir ceas, previa reserva e coa instalación de medidores de CO2, até as 23 horas.

Estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas da segunda feira, día 26 de abril.

Na terza feira, día 27, está convocada unha nova xuntanza do Comité Clínico, que actualizará o mapa de restricións por niveis.