Vigo sae á rúa en repulsa a unha nova agresión homófoba

Concentración esta sexta feira contra a agresión LGBTfoba. (Foto: Nós Diario)
Segundo fontes policiais a agresión produciuse "por un bico".

A plataforma Avante LGBT+ Vigo e a asociación Nós Mesmas convocaron para esta sexta feira unha concentración de repulsa por unha agresión homófoba que tivo lugar na cidada de Vigo a semana pasada.

Esta agresión aconteceu na praza de Portugal da cidade olívica e, segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do sábado día 16 ao domingo día 17, onde as vítimas, dous mozos, estaban, de acordo coas fontes, "dándose un bico".

Neste sentido, indican que "outros mozos que estaban na praza achegáronse a eles para increpalos e comezaron a agredilos, causándolles lesións de diversa consideración", que obrigaron a evacualos a un centro hospitalario.

En declaracións a Nós Diario e en representación de Avante LGBT+ Vigo, Victoria Olivia manifestou a súa repulsa e salientou a súa preocupación ante o aumento de agresións desta índole nos últimos tempos. "Desde finais do ano pasado vimos notando un ascenso considerábel deste tipo de agresións, antes tiñamos coñecemento de agresións cada certos meses, agora practicamente cada mes hai unha ou máis", indica.

Ademais, aproveita para incidir na necesidade de "concienciar a poboación para erradicar este tipo de agresións que, infelizamente, son demasiado comúns no noso país e no conxunto do Estado, e educar as crianzas para que non teñan comportamentos de odio que deriven nestes delitos". 

A LGBTfobia na Galiza

Nós Diario informaba a semana pasada de que na Galiza se rexistraron máis de 400 delitos de odio entre 2013 e 2020, dos cales máis da metade (230) foron por racismo e xenofobia e, principalmente, pola orientación sexual e identidade de xénero da vítima, unha situación que nestes anos padeceron máis de 200 persoas.