Vigo, escenario da nova campaña do sorteo extraordinario de lotaría de Nadal

Detalle do anuncio da lotaría de nadal 2024. (Foto: LAE)
Loterías e Apostas do Estado (LAE) estreou esta quinta feira o anuncio da lotaría de Nadal 2024, rodado na cidade olívica e no seu extrarradio.

Vigo e a súa contorna acolleron a rodaxe do novo anuncio do sorteo extraordinario da lotaría de Nadal que Loterías e Apostas do Estado vén de presentar baixo o lema 'Compartilo é extraordinario'.

En tres minutos e medio a campaña narra a historia de Julián, un veciño dun lugar da "España baleirada" que recoñece por televisión que non ten a ninguén con quen compartir o décimo. A partir dese momento, iníciase unha cadea de solidariedade por todo o Estado, na que moitos cidadáns anuncian que queren compartir con Julián.

A peza audiovisual, sinalan o sseus creadores, fala da soidade, do abandono das zonas rurais e da solidariedade. E faino desde espazos da cidade olívica máis e menos recoñecibles. Desde o extrarradio de Vigo o protagonista viaxa en autobús até o centro urbano ateigado de luces e de ambiente festivo.

Solidariedade, tamén coas vítimas da DINA

Na presentación da campaña, o presidente de Loterías e Apostas do Estado, Jesús Huerta, expresou os seus "máis sinceras condolencias polos falecidos por mor da DINA e os seus familiares" e recoñeceu que dubidaron se celebrar ou non un evento que finalmente se viu impulsado pola da reapertura da primeira administración de lotaría afectada pola gota fría, a número 1 de Benetússer (València), un feito que entenderon como unha mensaxe de "esperanza" e de "resiliencia".