Vigo é a cidade onde máis aumenta a vivenda turística, mentres en Santiago baixa

Cadeados para vivendas de uso turístico. (Foto: María José López / Europa Press)

O incremento de apartamentos turísticos encarece os alugueres.

Das cidades turísticas máis importantes da Galiza e do Estado español, Vigo é a que rexistrou a maior porcentaxe de incremento de vivendas de uso turístico (VUT) entre os anos 2020 e 2024 (+113,2%), segundo os datos do estudo 'Repercusión do crecemento das VUT no prezo da vivenda en aluguer', feito público esta terza feira por Ecoloxistas en Acción.

Fronte ao caso de Vigo, nestes útimos catro anos Compostela e Barcelona son, das 22 cidades máis turísticas do Estado, as únicas nas que as VUT non só non aumentaron senón que diminuíron (-12,9% na capital galega). O estudo atribúe este descenso nos últimos catro anos nas VUT en Compostela e Barcelona “ás medidas urbanísticas adoptadas polos Gobernos locais para evitar a súa proliferación”. No caso da cidade da Coruña tamén nos últimos catro anos aumentaron 84% as VUT.

Fonte: Ecoloxistas en Acción e INE / Gráfico: Nós Diario

Os datos do estudo de Ecoloxistas de Acción debuxan un mapa de evolución das vivendas turísticas nestas tres capitais galegas en base aos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), tanto de número de vivendas turísticas como do parque de vivendas nestas localidades. Segundo estes datos en Vigo as vivendas de uso turístico pasaron de 758 no ano 2020 ás 1.616 que existen actualmente, dun parque total de vivendas de 144.293. Con estes datos na cidade olívica hai 11,2 VUT por cada 1.000 vivendas. As cifras de vivendas turísticas en Vigo aumentaron entre agosto de 2023 e agosto de 2024 un 36,8%, e desde o ano 2020 disparáronse un 113,2%.

En Compostela había no ano 2020 —segundo os datos deste informe— un total de 759 vivendas de uso turístico, e as políticas municipais foron quen de rebaixar esta cifra até as 661 VUT no ano 2024, dun parque de vivendas na cidade de 56.746. Con estes datos en Compostela hai 11,6 vivendas de uso turístico por cada 1.000, o que supón un incremento de 14% entre os meses de agosto de 2023 e 2024, pero no cómputo dos últimos catro anos coloca a Compostela coma unha das dúas cidades turísticas nas que baixou o número e o crecemento porcentual de VUT.

No caso da cidade da Coruña, no ano 2020 os datos do INE rexistraban 556 vivendas de uso turístico, que pasaron en 2024 a un total de 1.023 do parque de 136.205 vivendas na cidade. Con estes datos, o informe fala de que na Coruña son 7,5 as VUT por cada 1.000 vivendas. Entre os meses de agosto de 2023 e 2024 o número de vivendas de uso turístico medraron na cidade 27,9%. Este incremento nos últimos catro anos disparouse até 84%.

A influencia das VUT no prezo dos alugueres

O informe de Ecoloxistas en Acción cruza ademais os datos de VUT nas 22 principais cidades turísticas do Estado cos prezos por metro cadrado das vivendas de aluguer nestas urbes. As cifras confirman que en agosto de 2024 os prezos por metro cadrado das vivendas en aluguer da Coruña e Vigo foron os máis altos do país, no caso da Coruña 10 euros por m2 de aluguer e en Vigo 9,9 euros.