Vigo: tres casos de violencia machista cada día

[Carlos Latuff]

Esa é a ratio de asuntos xudiciais que manexa o Xulgado de Violencia da cidade olívica. A maxistrada pide máis recursos perante "denuncias gravísimas" e unha vaga que tilda de "brutal".  

 

Entre setembro e outubro de 2015 foron asasinadas na comarca de Vigo tres mulleres pola violencia machista: Divina Mendes, Silvina de Oliveira e María José Rodrígues. A cifra oficial na Galiza ascende a seis. 

Para alén diso, o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo --o único especializado na Galiza xunto cunha sala da Coruña-- rexistrou no que vai de ano 860 casos novos, ou o que é o mesmo tres ao día. 

Segundo recolle o diario local Faro de Vigo a maxistrada titular, Paz Figueira, solicitou hai tres meses perante a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que lle foran concedidos reforzos para facer fronte a unha "vaga brutal" de "denuncias gravísimas" por violencia machista que ultrapasan a capacidade e recursos do xulgado. Porén, até o momento non recibiu resposta. 

A xuíza Paz Filgueira advirte dunha "vaga brutal" de denuncias "gravísimas" na comarca de Vigo

Figueira, recolle o xornal, asegura que "o risco é elevadísimo" pois, "malia haber menos denuncias que no 2013, uns 300 asuntos menos, trátase de denuncias gravísimas". Así as cousas, supón un 3% máis do que o pasado ano, aseguran desde o tribunal. Asemade, a xuíza advirte do perigo que atinxe a moitas das mulleres denunciantes razón pola que está a ditar nove de cada dez ordes de protección solicitadas. 

Aos casos específicos engádense a tramitación de casos propios dos xulgados de familia nos casos de divorcio ou mesmo novas competencias derivadas da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial como os delitos por quebrantamento de ordes de afastamento e protección que até o de agora partillaban cos xulgados de instrución, por exemplo.