[VÍDEO] Sae á luz un vídeo dos corredores das urxencias colapsadas do CHUS

This browser does not support the video element.

Pacientes e facultativos denunciaron en reiteradas ocasións o severo grao de precariedade no que se atopa o complexo hospitalario.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de facer público esta cuarta feira un vídeo no que deixa patente o “alarmante colapso” vivido durante a terza feira no servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

“Ás 17.30 horas, 31 pacientes graves estaban nos corredores de acceso en cadeiras de rodas e padiolas. A esa hora había 36 pacientes con ingreso asinado pendentes dunha cama en planta”, sinala a asociación, que foi actualizando a situación das urxencias sanitarias ao longo da tarde.

“Ás 20 horas eran 18 os pacientes que seguían nos corredores. Ao remate da xornada da noite 40 pacientes con ingreso asinado estaban agardando por unha cama”, critica, para subliñar que “o grao de ocupación das camas nas últimas 24 horas, segundo o publicado pola xerencia do CHUS, foi de 59%”.

Para o colectivo, “así está a situación: camas dispoñíbeis, pacientes agardando horas ou días na sala de observación do servizo de urxencias para ocupar unha cama en planta, e pacientes graves nos corredores padecendo violación da súa dignidade e intimidade e sufrindo pola demora na atención”.

Nova denuncia das urxencias do CHUS

O vídeo das urxencias saturadas do CHUS chega despois de que a xornada anterior, 7 de novembro, a delegada sindical de O'mega e médica de urxencias Fátima Nercellas denunciase que os corredores de entrada do servizo de urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) acumularon "22 pacientes graves" e algún foi derivado a observación, "deteriorado a súa saúde e en contra da normativa laboral".

Ademais, advertiu que 33 pacientes de ingreso ocuparon a sala de Observación de Urxencias, no que chamou un "novo exercicio de irresponsabilidade" por parte do equipo directivo do hospital. Non é nin moito menos a primeira vez que pacientes deste hospital denuncian as condicións de precariedade estrutural derivadas dos recortes da Xunta.

"Hai anos que non vivimos esa situación de deterioración extrema", advertiu a médica, quen engadiu que esta situación "non pasaba desde hai dez anos". "Están a colocar aos pacientes graves xa non só no corredor de entrada, senón tamén en observación", sentenciou Nercellas.