[VÍDEO] As hectáreas calcinadas no parque natural da Baixa Limia-Xurés ascenden até 410

Bombeiros forestais traballan na extinción do incendio de Lobeira. (Foto: Brif de Laza)
A Xunta asegurou que o lume estaba perto de estar estabilizado.

O incendio que arrasou o concello de Moaña desde a segunda feira xa foi extinguido, segundo informou a Consellaría do Medio Rural no seu parte matinal, con datos solicitados até as 9 horas desta quinta feira.

Orixinado na parroquia de Meira, apagouse arredor das 8.45 horas desta mesma quinta e para iso empregáronse 16 axentes, 38 brigadas, 34 motobombas, oito avións e cinco helicópteros. Queimou 23 hectáreas.

O incendio de Lobeira afecta xa 93 hectáreas e entrou no parque natural da Baixa Limia-Xurés

Aliás, detectouse un novo incendio no municipio de Lobeira, concretamente en San Xes de Vilariño. Permanece activo desde as 21.15 horas da cuarta feira e queimou xa 410 hectáreas.

Indica tamén a Consellaría que este lume afecta o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, pero que "evoluciona favorabelmente cara á súa estabilización". Na zona traballan cinco axentes, 14 brigadas, seis motobombas e unha pa.

Por outra parte, o fogo forestal que axexou Ponteareas, coas chamas "ao límite das vivendas", declarouse extinguido na cuarta feira após arrasar unha superficie dunhas 21 hectáreas.

E no Val de Santa María (Otero de Bodas, Zamora) un incendio obrigou a cortar as conexións ferroviarias entre a Galiza e Madrid nesa altura, mais o servizo restabeleceuse contra as 21 horas desta cuarta feira grazas ás choivas, que frearon o seu avance.