Vía Galega: "Nada temos que celebrar dunha Constitución que se alicerza no legado do franquismo"

Vía Galega, presentación da campaña 'Galiza Nación'.
A plataforma en defensa dos dereitos nacionais da Galiza sinala que a Constitución española "nega o dereito a podérmonos gobernar libremente a nós mesmos".

En vésperas do Día da Constitución Española, a plataforma en defensa dos dereitos nacionais da Galiza Vía Galega lembra e analiza os obstáculos que o código base do Estado español impón ás reivindicacións nacionalistas.

"A Constitución do réxime do 78 tivo como obxectivo claro paralizalas, asentar un marco político e xurídico españolizador e centralista e impedir calquera avance cara a soberanía nacional", afirman nun comunicado, recordando tamén que o Estado se reserva "o dereito a intervir ou suspender a propia autonomía, tal e como se constatou coa aplicación do artigo 155 en Catalunya".

Por ese motivo, non deixan de percibir con preocupación a celebración e "sacralización" un código legal "de grandes carencias democráticas". "Nega e impide dereitos colectivos fundamentais como é o dereito a decidir dos pobos", acrecentan, sinalando así mesmo a  atribución ao exército da defensa da integridade territorial, que se sitúa así “por enriba da soberanía popular”.

"Ese exército", lamentan, "que máis unha vez, como neste momento amosa en diferentes manifestos, está presto a levantarse en armas para defender a 'sagrada unidade da patria'". Na Constitución, continúan, tamén está a base de condenas á liberdade de expresión ou a imposición da lingua española na Galiza. "Todas e todos os galegos teñen obriga de coñecer o español mais non o galego, que é a lingua propia da Galiza", reprochan.

"Os principios constitucionais de Vía Galega baséanse, tal como recolle a Carta dos Dereitos do Pobo Galego, promovida por  Vía Galega  en que  'O Pobo Galego ten o dereito imprescritíbel e inalienábel á libre determinación, nos termos estabelecidos no Dereito Internacional e sinaladamente na Carta das Nacións Unidas, para decidir democraticamente o seu estatuto político con toda liberdade e sen ningún tipo de inxerencia externa'", continúan desde a plataforma no seu comunicado.

"Nada temos que celebrar dunha Constitución que se alicerza no legado do franquismo e nega o dereito a podérmonos gobernar libremente a nós mesmos", conclúen.