Vía Galega denuncia o "roubo" da bandeira galega dun mastro en Pontevedra e sinala a ultradereita como responsábel

Bandeira instalada o pasado mes de novembro na praza Valentín García Escudero de Pontevedra. (Foto: Vía Galega)

A entidade nacionalista Vía Galega condena a "desaparición" da bandeira galega instalada nun mastro da praza Valentín García Escudero, en Pontevedra, e acusa un militante de Vox de facer mofa pública dos feitos a través dun vídeo difundido nas redes sociais.

A organización Vía Galega fixo público esta cuarta feira que tivo coñecemento da retirada da bandeira galega pendurada nun mastro da praza Valentín García Escudero, en Pontevedra, despois da difusión dun vídeo no que, segundo denuncia a entidade, un militante da formación de ultraespañolista Vox se gababa de que o símbolo "desaparecera". A bandeira fora instalada o pasado mes de novembro nun acto promovido pola propia organización.

Para Vía Galega, o sucedido confirma "a urxencia de defender os símbolos nacionais galegos fronte á escalada de españolización e ocultación" que, ao seu xuízo, se está a producir. A entidade considera que só desde "o odio á Galiza, á súa cultura e ao pobo galego" se pode explicar unha actuación deste tipo, que cualifica de roubo e de ataque simbólico. A organización lembra, ademais, que a bandeira galega está amparada pola Lei de Símbolos de Galiza desde 1984.

A entidade vén desenvolvendo desde hai anos campañas para popularizar e visibilizar os símbolos nacionais, especialmente a bandeira e o himno. Hai tres anos iniciou unha campaña de difusión coincidindo coa I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala e, no pasado mes de novembro, cando se fixeron 107 anos daquela efeméride, retomou a iniciativa coa instalación de bandeiras en distintos puntos da xeografía galega. Segundo explican, trátase de actos cívicos que buscan expresar "o orgullo de pertenza ao pobo galego".

Vía Galega contrapón estas accións ao que define como "supremacismo españolista" e rexeita o discurso de odio e a proposta de asimilación cultural e lingüística que atribúe á ultradereita. "Sabemos das preferencias de Vox por outro tipo de bandeiras de corte fascista, mais non teñen lugar aquí, e así quedou demostrado en numerosas ocasións. Galiza é unha nación democrática e orgullosa de si mesma", sostén a entidade, que asegura que non permitirá que se repitan intentos de eliminación simbólica como os sufridos no pasado.

Finalmente, a organización anunciou que reclamará a reposición inmediata da bandeira no mastro da praza pontevedresa e advertiu de que non se deixará "amedrentar nin frear". "Reclamaremos que a bandeira sexa reposta o máis axiña posíbel, para demostrarlles que non nos van amedrentar nin frear, porque son uns imperialistas fracasados", conclúe o comunicado.