Verín pechará bares e terrazas durante 10 días para frear a Covid

cervexa hostalaría

Os restaurantes seguirán abertos

Os bares e as terrazas de Verín pecharán durante 10 días, mais os restaurantes poderán continuar abertos. Así o acordaron o Concello e representantes dos hostaleiros, en vista da negativa incidencia da pandemia do coronavirus.

A través dun comunicado, o goberno local explica que esta segunda feira o número de casos activos no municipio é de 74, o que implica unha incidencia próxima aos 540 casos por cada 100.000 habitantes.

A medida de pechar bares e terrazas durante 10 días, que partiu do Concello, foi sometida a debate polos representantes da hostalaría, que a aprobaron "cun amplo consenso", segundo recolle o mesmo comunicado.

O peche producirase desde esta terza feira ás 20,00 horas e a intención é levantalo o 22 de outubro. No entanto, os restaurantes continuarán abertos, posto que tan só terán que pechar as súas terrazas e os seus bares, en caso de telos.

Ademais, co obxectivo de minimizar os riscos de contaxio, realizarase un peneirado por PCR a todos os traballadores e traballadoras dos establecementos de hostalaría verinenses.

O Consistorio xa adiantou que lanzará unha liña de axudas específicas para estes locais co obxectivo de paliar as perdas ocasionadas polo peche temporal.