'Verín non esquece': a comarca volve saír á rúa para exixir "pediatras xa"

A veciñanza de Verín manifestouse contra a falta de pediatras na Atención Primaria. (Foto: Nós Diario).
O centro de saúde de Verín congregou numerosas persoas convocadas polo movemento Pediatras Verín Xa para denunciar unha "situación calamitosa" pola falta de especialistas.

"Levamos un inverno moi duro no centro de saúde de Verín. Quedamos só con unha pediatra das tres prazas que había, se ben desde hai un ano xa só había dúas tras a xubilación do pediatra Juan Pablo".

O relato é dunha das moitas nais, veciñas da comarca de Verín que na tarde deste sábado, 11 de febreiro, saíron á rúa para se manifestar e exixir unha atención pediátrica de calidade para as súas crianzas.

'Verín non se fecha, Verín non esquece' foi o lema escollido para encabezar a manifestación que partiu do centro de saúde da vila para denunciar o silencia da Adminsitración ante as demandas da cidadanía.

Unha comarca sen especialistas

"A Verín veñen nenos e nenas da Mezquita, da Gudiña, Oímbra, Riós... e neste tempo quedamos sen citas, sen atención". Cunha única especialista de 9 a 13 horas, os poucos ocos dispoñíbeis voan sen opción de ningunha visita de urxencia. "Ao final, tiñamos que ir ao hospital, sempre colapsado".

En xaneiro, tras a marcha da segunda pediatra a finais de ano, a veciñanza de verín puxo en marcha un movemento para reclamarlle ao Sergas "que puxese pediatras, porque nos fan moita falta".

Tras meter por rexistro unha queixa formal, acompañada de 3.497 sinaturas, "o Sergas non nos dedicou unha soa liña, mais a tres días da manifestación que vai ter lugar mañá en Compostela, en defensa da sanidade pública e dun novo modelo de Atención Primaria, reclutou o pediatra xubilado da contorna, Juan Pablo, que lle agradecemos o reforzo pero non nos parece a solución".

Solucións parciais

Aseguran que o Goberno está a tirar dunha norma que lle permite ao persoal médico "traballar até os 72, e Juan Pablo fainos en xuño", polo que volverán quedar en precario cunha única especialista na saúde da cativada.

"As solucións que nos dan non garanten o servizo de pediatría dos nosos fillos e fillas co paso do tempo, por iso mantivemos esta convocatoria e nos manifestamos

Rexeitan a amortización dunha das tres prazas de pediatría que lles corresponde e que o Sergas ignore a substitución dunha segunda. A situación é "insostíbel", cun servizo desbordado, sen citas para revisión pediátrica de crianzas maiores en tempo e forma, sen posibilidade de consultar unha urxencia no centro de saúde e cun servizo hospitalario saturado "día si e día tamén".

Temos un centro de saúde para servirnos que non nos serve e ninguén nos responde

A veciñanza láiase dun seguimento inapropiado das doenzas infantís polo profesional pediátrico, xa que a solución parcial do Sergas de colocar un médico de familia na consulta da pediatra en excedencia, "sen aviso ás familias", non abonda ante a súa falta de especialización para determinados problemas. "Isto xera máis atrasos e máis acumulación de citas sen poder ser atendidas".

A ausencia dun servizo público eficaz derivou moitas familias cara o hospital de Ourense e mesmo cara a privada, o que supón un incremento gastos e incomodidades.

"Temos un centro de saúde para servirnos que non nos serve e ninguén nos responde". E van case tres anos, insisten.