Ventos de 120 quilómetros por hora en Viveiro noutra xornada de intensas precipitacións na Galiza

(Foto: Europa Press)
Rexistráronse 56,3 litros por metro cadrado en Cuntis (comarca de Caldas de Reis)

A costa do municipio de Viveiro, na Mariña, rexistrou refachos de vento de case 120 quilómetros por hora na tarde deste sábado, na que a Galiza está en aviso amarelo por precipitacións.

Segundo os medidores de Meteogalicia, o interior da provincia de Pontevedra é a zona onde máis auga caeu este sábado cos 56,3 litros por metro cadrado de Cuntis (comarca de Caldas de Reis) ou 44,3 l/m2 en Poio, comarca de Pontevedra.

En canto aos ventos, que manteñen en aviso amarelo a costa norte galega, a estación situada no alto viveirense de Penedo do Galo captou un refacho máximo de 118 km/2.

Na Pontenova (A Mariña), Cervantes (Ancares), Baleira (comarca da Fonsagrada), Vimianzo (Terra de Soneira) ou Cuntis tamén soprou con intensidade o vento, con refachos que roldaron o 90 km/h.

Para este domingo, Meteogalicia prevé que unha nova fronte chegará á noite do sabado ao domingo xerando ventos fortes a partir do mediodía. Hai alerta amarela na costa da Mariña e na Costa da Morte.

Desde o 13 de outubro o tren de borrascas non cesou, con momentos máis críticos co paso de temporais que deixaron intensas choivas e fortes ventos,así como ducias de incidencias, como Ciarán e Domingos.

A Galiza permanecerá na segunda feria baixo a influencia das baixas presións, con ventos do suroeste. Así, agárdanse ceos cubertos con nubes baixas e choivas que caerán de forma máis persistente na metade occidental.