O vento deixa refachos de até 115 km/h en Viveiro e Muras nunha madrugada con ondas de case 4 metros en Baiona

As condicións meteorolóxicas adversas volverán marcar a xornada na Galiza. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro para as últimas horas do día.

O vento deixou fortes refachos á primeira hora da mañá desta quinta feira en diferentes puntos do país, onde chegaron a alcanzarse máis de 100 quilómetros por hora tanto en zonas da costa como do interior. Os valores máximos captáronse no alto do Xistral, en Muras, e en Penedo do Galo, en Viveiro, onde arredor das 9 horas os medidores de Meteogalicia rexistraron refachos de 115 e 114 quilómetros por hora. Aliás, o vento superou os 100 quilómetros por hora noutras zonas como Vimianzo, Carballeda de Avia, Cuntis e Lira (Carnota).

Toda a costa galega fica en alerta laranxa desde a cuarta feira por un temporal que, alén de fortes ventos, tamén está a deixar importantes ondadas, que roldaron os catro metros de altura en Cabo Silleiro (Baiona). Así o reflicten as boias de Portos da Galiza, que tamén captaron ondas de case cinco metros en puntos mar adentro fronte á costa da Coruña e de Vigo.

Parques fechados

Ante a situación de alerta por temporal, o Concello da Coruña decidiu fechar ás persoas visitantes a Torre de Hércules e a zona de interpretación que circunda o monumento coruñés. En Santiago, os parques tamén ficarán fechados ante as previsións de ventos que poden oscilar entre os 70 e os 80 quilómetros por hora.

Aviso laranxa

A dirección xeral de Emerxencias e Interior da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro para as últimas horas do día nas provincias da Coruña e Pontevedra. Este fenómeno meteorolóxico adverso, segundo informa o Goberno galego, deixará ventos de forza 8 no sur e suroeste, así como mar combinado con ondas de até 6 metros no oeste, suroeste e noroeste do litoral coruñés e pontevedrés.

Por isto mesmo, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén recomenda extremar as medidas de seguridade para realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Durante esta mesma xornada, Meteogalicia mantén activado un aviso amarelo por fortes xeiras de ventos na montaña de Ourense, logo de desactivarse arredor de mediodía na montaña de Lugo e na comarca da Mariña.

Xornada desta quinta feira

Xa para esta quinta, haberá tamén avisos amarelos tanto por vento como por choiva en boa parte da Galiza e case todo o día. No mar, Meteogalicia activará a alerta laranxa entre as 6 horas da mañá e 15h nas Rías Baixas, desde as 6 até a medianoite na Costa da Morte e desde as 12 até a medianoite na costa noroeste.

Aliás, haberá alerta laranxa por ondas de até 5 e 6 metros entre as 12 e a medianoite nas Rías Baixas e na Costa da Morte; mentres que na zona da costa noroeste activarase este aviso laranxa ás 18 horas até as 00h. E por ondas de 4 a 5 metros activarase tamén o aviso amarelo entre as 6 e as 12 horas.

A respecto do aviso amarelo por choiva, por máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas, activarase ás 9 horas en case toda a provincia da Coruña (oeste, interior e suroeste), mentres que comezará ao mediodía no interior de Pontevedra.