'Venceremos Nós', o lema da mobilización xuvenil independentista o 24-X

Máis un ano a mocidade encherá as rúas da capital galega na véspera do Día da Patria.

 

Esta quinta feira (25 de xuño) organizacións xuvenís e estudantís galegas presentaron publicamente o lema e manifesto da manifestación pola independencia que decorre en Compostela o 24 de xullo desde hai dous anos. 

Na véspera do Día da Patria Galega AGIR, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Terra e Xeira chaman a saír á rúa a prol da "construción dunha alternativa á destrución da nosa nación". 

Venceremos nós! foi o lema elixido polas organizacións convocantes para encabezar a manifestación. Un "paso á fronte" din "para construír xuntas ese soño da liberdade" en tanto que "forza e parte de todo cambio social". 

No manifesto de convocatoria AGIR, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Terra e Xeira denuncian as "agresións" padecidas pola mocidade galega. "O Estado agrídenos e procura a eliminación do noso pobo para destruír así a nosa condición de nación. Intenta anularnos a nós, á mocidade, condenándonos á emigración, a engrosar as filas do seu exercito de parados ou a sufrir a explotación en traballos que apenas alcanzan para sobrevivir". 

Unha realidade á que se suma a "persecución" e "criminalización" das protestas sociais nunha "deriva autoritaria lexitimada formalmente a través de medidas como a “lei mordaza”". 

Porén, "a mocidade consciente, debemos ser quen de nos pór á fronte das mesmas e entender a necesidade de as aglutinar e as entrelazar de cara á súa confluencia no movemento de liberación nacional", sinalan. 

"Fronte aos ataques", acrecentan, e "fartas" de "ser a constante voz negativa e da resistencia" amósanse con vontade de "afrontarmos con valentía o necesario empoderamento xuvenil que combine todos os elementos e ferramentas necesarias e existentes no noso país e que teña unha auténtica vontade por acadar o obxectivo estratéxico polo que leva loitando historicamente a esquerda nacional: a independencia".