Veciñanza de Ribeira exixe a cobertura de todas as prazas de médicas no Centro de Saúde de Aguiño
O consultorio de Aguiño non ten profesionais médicos asignados, pois un está de baixa e outro acaba de xubilarse. Á vez, o Centro de Saúde de Ribeira funciona actualmente con 10 dos 14 médicos dos que debería dispor.
Veciñas e veciños da parroquia de Aguiño, en Ribeira (O Barbanza), volveron concentrarse esta sexta feira para demandar á Consellaría de Sanidade a cobertura “urxente” das dúas prazas de profesionais médicos que debería haber no Centro de Saúde de Aguiño.
Na actualidade, o Centro de Saúde de Aguiño atópase sen ningún profesional médico asignado, xa que un está de baixa e outro acaba de xubilarse. Esta situación afecta directamente á calidade da atención sanitaria dos seus veciños e veciñas ao non garantir a adecuada cobertura sanitaria. Esta carencia xerou un grave prexuízo para a veciñanza da parroquia porque debe trasladarse a outros centros para recibir atención sanitaria básica, unha situación insostíbel que “require atención inmediata”, sinalan desde o Executivo local.
O problema agrávase máis, se cadra, pois o Centro de Saúde de Ribeira, que debería contar con 14 profesionais médicos para atender adecuadamente a demanda da zona, actualmente conta unicamente con 10, o que incrementa a presión asistencial sobre o persoal dispoñíbel e limita os recursos sanitarios para unha atención de calidade en toda a localidade.
O Concello de Ribeira expresa a súa profunda preocupación pola falta de persoal médico na parroquia de Aguiño e, ante esta situación, demándalle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que adopte medidas urxentes que permitan dotar tanto o Centro de Saúde de Aguiño como o de Ribeira dos recursos humanos necesarios.
O rexedor, Luís Pérez, defendeu que “o benestar e a saúde da veciñanza non pode estar en xogo pola carencia no persoal de persoal médico, é un risco que non podemos consentir e por iso apoiamos esta demanda” das veciñas e veciños.
O Concello de Ribeira “reitera o seu compromiso de continuar traballando e defendendo os dereitos da súa veciñanza”, en especial no que respecta ao acceso a servizos sanitarios de calidade. “A veciñanza de Aguiño e Ribeira merece unha resposta pronta e eficaz que garanta o seu benestar e saúde”.