Veciñanza de Ribeira e da Pobra do Caramiñal reclama persoal médico

Concentración ante o centro de saúde da Pobra do Caramiñal (O Barbanza), esa sexta feira. (Foto: Nós Diario)
Continúan e medran as protestas no Barbanza, Caldas, A Mariña e O Morrazo para exixir mellorar a sanidade pública en varios municipios.

Veciñanza do Barbanza continúa mobilizándose esta semana en defensa da sanidade pública, a pasada quinta feira en Ribeira, esta sexta feira na Pobra do Caramiñal e este sábado de novo no concello ribeirense, onde realizarán unha cadea humana que unirá o hospital do Barbanza co centro de saúde. Na linde do Barbanza, en Catoira (comarca de Caldas), continúan coas protestas semanais contra os recortes da Xunta da Galiza en sanidade.

A falta de persoal implica demoras de dúas semanas para conseguir unha cita médica, indican. O domingo volven protestar en Moaña (O Morrazo) contra o feche do servizo de Urxencias e na Mariña, o Concello de Barreiros chama a veciñanza a mobilizarse a vindeira segunda feira.

 "É a primeira concentración na Pobra e non será a última", advertiu esta sexta feira a Nós Diario a voceira da Plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza, Marián Rodríguez. A situación, explicou, é "alarmante" por levar dez días "con catro dos seis médicos de familia cos que contaban e a semana vindeira faltará outro médico durante un mes e medio, polo que só serán tres" no centro de saúde da Pobra.

A falta de persoal sanitario provocou que "agora teñamos esperas de até dúas semanas, algo que nunca aconteceu neste municipio", sinala Rodríguez. A convocatoria da cadea humana no municipio ribeirense  quere, segundo a plataforma, "resumir nunha acción que levamos todo un ano con protestas desde que comezamos na parroquia de Aguiño, seguimos na vila de Ribeira e agora chegando á Pobra do Caramiñal".

Ademais, o colectivo denuncia que nesta comarca "as listas de agarda chegan a ser de un ano, como no caso de traumatoloxía". Desde a plataforma comunicaron esta situación antes do verán á Consellaría de Sanidade pedindo unha reunión co conselleiro e aínda están agardando que a conceda.

Protesta en Barreiros

A vineira segunda feira realizarase unha concentración ás 12 horas convocada polo Concello de Barreiros (A Mariña) diante do seu centro de saúde. A alcaldesa, Ana Ermida, explica a Nós Diario que levan "moitos meses cun funcionamento anormal" con casos como a "desaparición do posto de matrona e os problemas que temos en pediatría". 

A rexedora lembra os problemas de atención sanitaria que tiveron este verán "por multiplicarse a poboación e desde hai anos non temos reforzos para as persoas desprazadas nesta época". A situación agravouse desde hai varios días cando no centro de saúde non se cubriron as tres prazas que ten de medicina de familia e, segundo a alcaldesa, "agora só temos unhas horas un facultativo para urxencias". Por iso, conclúe, "temos lista de agarda de até tres semanas", algo "preocupante para unha poboación envellecida de máis de 3.000 habitantes".   

Desde a Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña anunciaron o seu apoio e presenza na protesta. En declaracións a este xornal, a súa voceira, Montse Porteiro, critica a "deriva que está collendo a sanidade pública no país pola xestión do Goberno galego e os seus plans de privatización".

O colectivo exixe "o 100% do cadro de persoal nos centros de saúde de maneira estábel para garantir a atención primaria". Neste sentido, Porteiro sinala que hai varias prazas por xubilación sen cubrir "cando este ano remataron a súa formación cinco facultativos residentes e só un quedou nesta comarca".