Denuncia non ter información sobre o traballo que está a desenvolver unha empresa privada

A veciñanza de Ribadeo na defensa da Illa Pancha

Imaxe da Illa Pancha na que se observa a maquinaria das obras denunciadas. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Ecoloxistas en Acción demándalle á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que indague o modo en que se concedeu o permiso de explotación do Faro da illa Pancha sen o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) preceptivo.

A veciñanza de Ribadeo constituíuse como colectivo baixo o lema “Polo noso faro”, preocupada polo uso que estaba a facer da illa Pancha unha empresa privada, de construción de apartamentos turísticos.

Á vista desta situación, o colectivo veciñal demandou a colaboración de ONG (Organización Non Gobernamental) Ecoloxistas en Acción, ao non obter respostas das administracións ante diversas solicitudes e peticións de información.

Agora, Ecoloxistas en Acción demándalle á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que indague o modo en que se concedeu o permiso de explotación do Faro da illa Pancha sen o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) preceptivo.

Na denuncia presentada, a ONG solicítalle á Autoridade Portuaria que se ordene incoar o correspondente procedemento sancionador e que na resolución, ademais das sancións que procedan, se lle impoña ao infractor a obriga de reparar o dano causado, e subsidiariamente, que indemnice os danos e prexuízos que non poidan ser reparados.

Ao mesmo tempo, o Valedor do Pobo corroborou na súa resposta que non consta que fose elaborado o obrigado estudo, aseguran desde a ONG.

Ecoloxistas en Acción lembra que a lexislación portuaria parte da regra xeral de prohibición de “uso habitacional ou residencial, coincidindo co tenor da Lei de Costas que sinala que no dominio público portuario só poderán levarse a cabo actividades, instalacións e construcións acordes cos usos portuarios e de sinalización marítima”, de conformidade co establecido nas Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante.

Os requisitos legais que permiten o eventual levantamento da prohibición para o seu uso hostaleiro, explican os ecoloxistas, deben obedecer a razóns de "interese xeral" debidamente acreditadas. Mais en todos os casos, ha de intervir preceptivamente Portos do Estado emitindo informe, que debe ponderar os motivos que xustifican a implantación dese uso

Ecoloxistas en Acción esa xustificación ademais de solicitar copia da autorización da Dirección Xeral da Costa e do Mar pola ocupación do dominio público marítimo-terrestre. A organización ecoloxista sinala que no expediente debe constar a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Natural ou, no seu defecto, do departamento que corresponda da Consellería de Medio ambiente.

Polas súas características a Ría de Ribadeo ten recoñecidas varias figuras de protección, extensíbeis á Illa Pancha, como a pertenza desta á Rede Natura 2000, Zona de Especial Protección de Aves, Zona de Especial Conservación ou Humidal Protexido.

A illa albergou os dous faros de Ribadeo, o antigo construído no século XIX e o actual, de finais do século XX. Forma parte do “Roteiro dos Miradoiros”.