Veciñanza de Forcarei alerta das consecuencias que terá a instalación dunha torre de telecomunicación de 40 metros de altura

Carteis informativos en rexeitamento á torre de telecomunicación en Fillo, Forcarei. (Foto: Nós Diario)
As veciñas da aldea de Filloi denunciaron que a infraestrutura é “unha falta de respecto polo entorno”. 

Veciñanza da aldea de Filloi, no concello de Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), veñen de solicitar a paralización cautelar das obras de instalación dunha torre de telecomunicacións de 40 metros de altura que, segundo indicaron, dará servizo a Orange, ao considerar que a empresa decidiu seguir adiante coa instalación malia “unha petición expresa de desestimento” por parte da veciñanza.  

A veciñanza informou que emitiu un escrito á empresa para advertiron  das consecuencias sociais da actuación, solicitándolle “que sexan sensíbeis ao sentir unánime da veciñanza” e que desistan voluntariamente da instalación da antena na localización actualmente proxectada, co obxectivo de "evitar así un conflito social, administrativoe xudicial que entendemos innecesario e perfectamente evitábel.” 

Segundo explicaron a resposta da empresa foi manter a súa intención de realizar a instalación, “sen atender á oposición veciñal nin valorar alternativas afastadas das vivendas”

A solicitude de paralización chega ao constatarse a inminencia do inicio das obras. Segundo relataron as veciñas, esta sexta feira colocáronse marcas de sinalización na finca, e na tarde deste sábado desprazouse maquinaria pesada até o lugar, coa previsión, segundo indicaron os propios operarios, de comezar a escavación esta segunda feira. 

“Non estamos en contra das telecomunicacións nin da mellora da cobertura”, explicaron desde Filloi, “pero nun entorno rural como o noso existen emprazamentos alternativos de sobra, a moito máis afastados das casas, que permitirían prestar o mesmo servizo sen xerar este conflito”. 

As veciñas confrontaron tamén o discurso da promotora, ao considerar que a súa resposta “fala de respecto polo entorno”. “O entorno non é só o terreo ou a paisaxe, o entorno somos as persoas que vivimos aquí todo o ano, e iso é o que non se está a respectar”, alertaron. 

Coa solicitude presentada ante o Concello de Forcarei, a veciñanza solicitou que “se adopten medidas de cautela e se revise con rigor a actuación, evitando feitos consumados nun proxecto que afecta directamente á calidade de vida da poboación local”. Aliás, reclamaron que o Concello exerza un papel activo de mediación coa empresa telefónica.