Veciñanza do Saviñao xunta 500 sinaturas en menos de 24 horas contra unha planta de biogás

Lugar de Sanxumil, no Saviñao (Terra de Lemos), onde unha empresa estuda instalar unha central de biogás. (Foto: AV de Vilaesteva)
Unha empresa mostrouse interesada en instalar unha central de biogás a escasos 200 metros de vivendas. 

A veciñanza da parroquia de Vilaesteva, no Saviñao (Terra de Lemos) soubo a pasada semana que unha empresa estaba interesada en instalar unha central de biogás no lugar de Sanxumil, a escasos 200 metros das casas e a menos de un quilómetro do núcleo urbano de Currelos, onde hai unha escola e un centro de saúde, ademais doutras instalacións.

"Destes feitos somos coñecedores por casualidade, xa que a alcaldía, logo de presentarmos unhas preguntas por rexistro, nos informou sobre este tema que vai afectar as nosas vidas e os nosos cultivos", afirman nun comunicado desde a Asociación Veciñal de Vilaesteva.

Ademais de expresar a súa preocupación ao alcalde, Juan Carlos Armesto (PP), esta asociación abriu unha solicitude de sinaturas a través da páxina change.org e en 24 horas recolleron xa máis de 500 sinaturas, "tendo en conta que no noso concello, a poboación é maior e non está actualizada nas novas tecnoloxías", explican.

A seguir, iniciarán tamén a recollida de sinaturas tradicionais para presentar no Concello pedindo que se desestime este proxecto, ao igual que aconteceu noutros lugares onde se proxectaban plantas de biogás, como é o caso de Coeses, Lugo, ou en Antas de Ulla (A Ulloa).

“Unha central de biogás só trae cheiros e contaminación ao noso concello. Véndese como a solución ao problema dos gandeiros e das gandeiras, mais en realidade van traer lodos de depuradora e lodos industriais. Camións cheos de lixo pasando polas nosas xa deterioradas estradas a diario e por diante das nosas casas”, denuncia a asociación.

“Realizaremos tantas accións como sexan necesarias para que non se instale unha planta de biogás perto das vivendas”, conclúe.