Veciñanza de Cospeito, Outeiro de Rei e Castro de Rei protesta pola falta de pediatra

Persoas cortando o tráfico na N-VI á altura do concello chairego de Outeiro de Rei. (Foto:Nós Diario)

As familias afectadas pola falta de pediatra nos centros de saúde de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei (comarcas de Terra Chá e Lugo) volveron concentrase este domingo diante do centro de saúde de Outeiro de Rei para demandar da Consellería de Sanidade que dote á zona dun servizo de Pediatría para Atención Primaria ás nenas e nenos destes tres concellos.

As familias acumulan semanas carecendo deste servizo de maneira estábel. A situación, ademais, recentemente cando o pediatra que atendía nos tres concellos tivo unha baixa médica de longa duración, sen que se asignou unha substitución.

Este especialista prestaba servizos dous días á semana en Castro e Cospeito, e un día en Outeiro de Rei. O que eran baixas curtas e puntuais converteuse nunha baixa de carácter prolongado. As familias víronse así obrigadas a acudir a un médico de Atención Primaria, o que consideran insuficiente para as necesidades pediátricas dos seus fillos.

"A saúde das nosas crianzas non pode ser tratada como un servizo de segunda. Esiximos medidas inmediatas para garantir un servizo pediátrico constante e de calidade", indican as familias.

Concentración diante do centro de sáude de Outeiro de Rei

Esta é a terceira concentración por este motivo, após a realizada a mediados do pasado mes de outubro e a comezos deste mes de novemebro. Advirten de que manterán as protestas de non se dar unha solción por parte da Consellaría de Sanidade a esta situación, que afecta.

Corte do tráfico na N-VI

Unha das novidades da mobilización deste domingo é que os asistentes á concentración cortaron o tráfico á altura da N-VI, que transcorre por este concello chairego de Outeiro de Rei.

A Atención Primaria galega conta con 325 prazas de Pediatría, mais unha parte significativa delas permanecen vacantes durante todo o ano e outras son cubertas por persoal non especializado. 85 concellos quedaron sen pediatra desde 2004 e xa son 194.

O Instituto Galego de Estatística (IGE), sinala que a Galiza perdeu 80 profesionais entre o ano 2004 e 2023, diminuído o número de pediatras nos centros de saúde da Galiza en 19,8%. Ademais, tense incrementando dunha maneira considerábel o índice de idade dos cadros de persoal de Atención Primaria, xerándose un importante envellecemento destes especialistas.