Veciñanza de Cervantes mobilizase ante o feche do centro de saúde de San Román

Mobilización da veciñanza de Cervantes ante o feche do centro de saúde de San Román, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O BNG denunciou a decisión da Xunta como un “novo golpe do PP contra a sanidade pública da montaña lucense”.

A veciñanza de Cervantes (Os Ancares) concentrouse esta quinta feira diante do centro de saúde de San Román para denunciar o feche do consultorio médico de Doiras e a decisión da Consellaría de Sanidade de non cubrir a vacantes médicas no concello.

O BNG de Cervantes participou nesta mobilización para denunciar o que cualifica como “un novo golpe do Partido Popular contra a sanidade pública na montaña lucense”.


Para o BNG, o feche do consultorio de Doiras é unha decisión “política, tomada de forma unilateral e con escurantismo”, sen comunicación previa á veciñanza e “sen ofrecer ningunha alternativa”. “A Xunta fecha un servizo sanitario básico nun concello xa castigado pola falta de recursos e pola dispersión da poboación. É unha decisión profundamente irresponsábel e un desprezo absoluto á veciñanza de Cervantes”, denuncian.

A formación nacionalista advertiu de que esta medida forma parte “dunha estratexia máis ampla de recortes na atención primaria no rural que está castigando especialmente ás zonas de montaña lucense·. Ao feche de Doiras súmase a situación do Centro de Saúde de San Román, que continúa baixo mínimos tras quedar unha das prazas médicas sen cubrir e converterse outra nun servizo rotatorio. “O PP está a aplicar unha política consciente de deterioro da sanidade pública no rural: primeiro recortan, despois precarizan e finalmente fechan servizos”, sinalan.


Desde o BNG lembraron que Cervantes é un concello cunha poboación envellecida e cunha grande dispersión territorial, polo que a eliminación de servizos de proximidade ten consecuencias “moi graves”. “Fechar o consultorio de Doiras e recortar en San Román significa obrigar ás persoas maiores a facer quilómetros por estradas de montaña para poder ir ao médico. Iso non é reorganizar servizos, iso é abandonar aposta o noso rural”, denuncian.

A organización nacionalista critica tamén a falta de “transparencia e de respecto institucional por parte da Xunta”. “A veciñanza non recibiu ningunha explicación nin ningún aviso previo. A Consellaría decidiu fechar e punto. Ese é o trato que o Partido Popular lle dá á montaña lucense”, lamentan.


Ante esta situación, o BNG anunciou que continuará impulsando mobilizacións e chamou á veciñanza a seguir defendendo os seus dereitos. Neste senso, convocan unha nova concentración a vindeira cuarta feira día 18 de marzo ás 12:00 horas diante do Centro de Saúde de San Román, para exixir a reapertura “inmediata” do consultorio de Doiras, a cobertura estábel das prazas médicas e o mantemento íntegro dos servizos sanitarios no concello.

“O que está en xogo é o dereito á saúde das nosas veciñas e veciños e o futuro do noso territorio. Sen sanidade pública non hai igualdade nin hai vida digna no rural. A montaña non pode seguir pagando as políticas de abandono do Partido Popular”, concluíu o BNG.