[VÍDEO] Veciñanza de Catoira reúnese para “limpar” a “incompetencia” dos xestores do Sergas

A veciñanza reuniuse para "limpar" a "incompetencia" do Sergas. (Foto: Cedida)
13 semanas seguidas de mobilizacións na defensa do centro de saúde.

Unha cuarta feira máis, e xa van 13, veciñanza de Catoira concentrouse para protestar polas carencias no Centro Médico. Carencias que non se subsanan, sinlan, malia a substitución das médicas e o pediatra nas súas baixas e vacacións.

“Carencias coma a que sofre máis da metade dos catoirenses xa que se non teñen cita médica e precisan renovar as receitas, pedir a baixa médica, precisar medicación por urxencias, etc... teñen que trasladarse a Urxencias do Hospital do Salnés, xerando perda de tempo, de traslado e saturando ditas urxencias”, manifestan desde a plataforma convocante das mobilizacións e protestas.

Esta cuarta concentráronse con produtos de limpeza para “limpar” a “incompetencia” do Sergas. A concentración, cunha asistencia de máis de 60 veciñas e veciños segundo as convocantes, consistiu nunha conversa de dúas veciñas enumerando as carencias do centro médico e preguntándose quen eran as persoas responsábeis da situación, e convidándoas a aparecer en escena, momento que ao canto de “incompetencia” a veciñanza limpaba os responsábeis con vasoiras e panos.

Posteriormente, trasladaron a protesta ás beirarrúas da estrada principal (PO-548) que atravesa Catoira.