Sanidade pública

Veciñanza de Castroverde volve mobilizarse ante a falta de pediatra: "O PP minte descaradamente"

Veciñas e veciños de Castroverde, esta terza feira, ante o centro de saúde. (Foto: Nós Diario)
“Nestes momentos as crianzas de Castroverde non teñen atención pediátrica até o día 12, o que ocasiona o desprazamento até o HULA", denuncia a concelleira Iria Castro.

Veciñanza de Castroverde (comarca de Lugo) volveu concentrase esta terza feira ante o centro de saúde da localidade para exixir a restitución da atención pediátrica. “Nestes momentos as crianzas de Castroverde non teñen atención pediátrica até o día 12, o que ocasiona o desprazamento até o HULA [a 20 quilómetros] se queren ser atendidos por un ou unha pediatra”, denunciou a concelleira do BNG Iria Castro.

Castro anunciou ademais a recollida de sinaturas para exixir ao Executivo galego a restitución da atención médica completa no centro de saúde castrense. “Estamos vendo como se nos deixa sen médicos e médicas continuamente, levamos semanas sen contar cunha asistencia sanitaria normalizada”, afirmou Castro. 

A respecto do fechamento de centros de saúde no rural –caso do de Castro en Carballedo– e da precarización doutros como o de Castroverde, o PSOE da circunscrición de Lugo acusou o PP de "mentir descaradamente" cando, por medio do director asistencial da área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, puxo de manifesto que non se fecharan instalacións.