Varios veciños desaloxados en Monterrei nun incendio sen control que arrasa xa 300 hectáreas

[Foto: Miguel Barbeito]

O alcalde afirma que a situación do lume é "complicada" ao rodear a parroquia de San Cristovo.

O lume sen control iniciado na tarde desta cuarta feiras no concello ourensán de Cualedro --parroquia de San Millao-- obrigou a desaloxar a varios veciños no limítrofe municipio de Monterrei, ao ameazar casas na parroquia de San Cristovo. A última estimación da Consellería de Medio Rural é de 300 hectáreas arrasadas.

Fontes da Garda Civil indican a Europa Press que se desaloxou "todo o pobo" de San Cristovo, que é duns 60 veciños. O lume obrigou a activar a Situación 2 pola proximidade ás casas.

Con todo, o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, indica a Europa Press que o desaloxo foi "só de catro ou cinco vivendas máis preto do lume, pero non todo o pobo de San Cristovo".

Así, o rexedor apunta que a situación é "complicada", porque o lume "chegou a San Cristovo e fixo como dúas cabezas, desdobrouse, unha dirección cara a Magdalena e Flariz, e outra cara a dirección Medeiros", polo que "deixou a San Cristovo rodeado".

Todo iso, nunha xornada de alto risco de incendio, con alerta amarela na provincia de Ourense polas altas temperaturas. A isto únese que "de súpeto volve levantar o vento" despois de parar.

Nos traballos de extinción participan, entre outros, 11 helicópteros, 11 avións, 15 brigadas, cinco axentes, cinco motobombas e dúas pas.

Precisamente, no concello de Monterrei permanece controlado o maior incendio do ano --de 720 hectáreas-- en Galicia. Iniciouse na parroquia de Flariz, cara a onde avanza o incendio deste mércores.

Até o lugar trasladouse o conselleiro de Medio Rural, José González, quen explica que agora a "situación está máis tranquila".

Con todo, quéixase de que "o problema" é que os incendios "se concentran en tres ou catro comarcas" en Galicia, e "hoxe tocou Cualedro". Así, pide aos veciños que se achegue "calquera dato por pequeno que pareza", pois "pode axudar na investigación".

Imprimir