Sedes da universidade de Abanca aparecen con pintadas en vésperas da folga contra a privatización

Fachada da Universidade de Abanca en Vigo esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
A Universidade Intercontinental da Empresa rexistrou pintadas nas súas sedes de Vigo, A Coruña e Santiago, nun contexto marcado pola convocatoria dunha folga estudantil contra a privatización do ensino na Galiza.

A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca, amenceu esta segunda feira con restos de pintura e cartelaría nas fachadas de varios dos seus centros na Galiza. As incidencias detectáronse nos campus de Vigo e A Coruña, onde tamén apareceu a pintada “15-A. O ensino non é negocio”, así como na sede institucional de Santiago de Compostela

Fontes da institución confirmaron os feitos e avanzaron que presentarán denuncia polos danos ocasionados. Mentres, a actividade académica e administrativa desenvólvese con normalidade en todos os centros.

Folga estudantil contra a privatización

De maneira paralela, a organización Erguer. Estudantes da Galiza mantén convocada para este 15 de abril unha xornada de folga dirixida a todo o estudantado galego. A mobilización inclúe concentracións nas sete cidades: Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense.

Baixo o lema “Prívannos dun futuro”, o colectivo leva meses desenvolvendo unha campaña informativa en institutos, centros de formación profesional e universidades. Entre as súas reivindicacións destacan a aprobación dunha Lei Galega de Educación acordada coa comunidade educativa, a redución das ratios nas aulas, o aumento das prazas públicas de residencia e a supresión das taxas universitarias.

Ademais, o estudantado sinala cuestións como o feche do Colexio Maior San Clemente en Santiago ou o encarecemento do alugueiro como factores que dificultan o acceso á educación superior na Galiza.