A Valedora do Pobo inicia unha investigación de oficio sobre a situación das residencias de maiores

Valedora Pobo

A crise sanitaria polo covid-19 propiciou, ademais da situación de alerta no ámbito da saúde, maiores problemas para os colectivos máis vulnerábeis e para aqueles que non contan co que se coñece como 'caixa de resistencia'. Estes inconvenientes chegaron á sede do Valedor do Pobo, institución que informa que "se implicou" na tramitación dos expedientes vinculados coa pandemia, e que iniciou varias investigacións de oficio, unha delas vinculada coa situación das residencias de maiores.

A institución comisionada do Parlamento sostén que as persoas maiores "sofren un maior risco" polo covid-19, que son "persoas especialmente vulnerábeis". Así, desde a declaración do estado de alarma, recibíronse "queixas" sobre a situación dalgunhas residencias de maiores, que foron tramitadas e orixinaron unha investigación de oficio por parte da valedora, María Dolores Fernández Galiño, e o seu equipo para coñecer en detalle "as actuacións que se están levando a cabo".

No que se refire ás actuacións e servizos que quedaron sometidos ás normas do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, os problemas detectados nas residencias foron elevados ao Defensor del Pueblo, a institución que ten o labor de velar polos cidadáns no ámbito estatal.

Así, trasladóuselle ao Defensor del Pueblo a "necesidade" de "modificar" o real decreto para incluír "unha regulación sobre a suspensión do réxime de visitas durante o estado de alarma". Tamén lle comunicou a "discriminación".

Pola súa banda, a Fiscalía Superior da Galiza sumou unha denuncia presentada polo Defensor do Paciente ás dilixencias preprocesais civís abertas en residencias de maiores en relación aos contaios de coronavirus, tal e como o ditou esta cuarta feira nun decreto no que traslada a incorporación desta denuncia ás diversas Fiscalías Provinciais e de Área, que son as encargadas de realizar o seguimento exhaustivo destes centros, tanto públicos como privados, durante esta crise sanitaria.