Este vai ser o tempo na Galiza para o primeiro tramo da Semana Santa

Neve en Cervantes, Os Ancares, o pasado mes de febreiro (Foto: MeteoGaliza).

Hoxe entra unha fronte pola costa. Alerta laranxa mañá, día 26, por temporal no litoral galego agás na Mariña.

Esta segunda feira retirase o anticiclón cara ao oeste e dará paso a entrada dunha fronte que deixará os ceos anubrados con precipitacións que comezarán pola mañá no oeste a Galiza, segundo as previsións de Meteogalicia. Xa na segunda metade do día tras o paso da fronte quedaremos nunha situación de chuvascos localmente treboentos e acompañados de saraiba.

A cota de neve en descenso até os 600 metros ás últimas horas do día. As temperaturas sufrirán un notábel descenso, sobre todo os valores máximos. Os ventos soprarán do noroeste fortes no litoral e moderados no resto.

A terza feira será, prognostica Meteogalicia, un día caracterizado pola inestabilidade atmosférica, por aire frío en capas altas. Deste modo, agárdanse intervalos nubrados con chuvascos, localmente treboentos e acompañados ocasionalmente de sarabia.

A cota de neve comezará nos 600 metros e irá subindo durante o día até os 1000 metros. As temperaturas terán poucos cambios ou lixeiros descensos das máximas no interior. Os ventos soprarán de compoñente oeste, moderados en xeral, fortes no litoral .

Un sistema frontal afectará á península Ibérica na cuarta feira, de modo que teremos intervalos nubrados con chuvascos, localmente treboentos. A cota de neve estará sobre os 1.200 metros. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán fortes, de compoñente oeste.