A vacinación do colectivo 40-49 anos comeza este domingo na área de Santiago

Imaxe de arquivo dun punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela (Foto: Arxina).

Ademais de Pfizer e de Moderna, vén de ser autorizada a vacina de Janssen para este colectivo.

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, avanzou que a vacinación do colectivo entre 40 e 49 anos empezará este domingo na área de Santiago de Compostela. A inmunización deste grupo de idade está programada, de forma xeral, a partir do 7 de xuño.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de la Xunta, o mandatario galego lembrou que para este colectivo, ademais de  Pfizer e de Moderna, vén de ser autorizada a vacina de  Janssen, polo que aos que lles corresponda esta dose quedarán inmunizados xa coa pauta completa ao recibir a inxección. Desta marca, Galiza recibe 14.000 doses á semana.

Galiza "abeira" o 30% da poboación inmunizada coa pauta completa e o 52% con polo menos unha dose

Galiza "abeira" o 30% da poboación inmunizada coa pauta completa e o 52% con polo menos unha dose. Esta semana, precisou tamén o presidente da Xunta, serán administradas 210.000 doses, das cales 120.000 son primeiras doses.

Ademais, esta fin de semana prevese finalizar coa administración da vacina ao colectivo entre 50 e 59 anos.

Por grupos de idade, vacináronse até a data 130.508 persoas maiores de 85 anos; 95.521 de 80 a 84 anos; 132.869 de 75 a 79 anos; 150.292 de 70 a 74 anos; 150.266 de 65 a 69 anos; 168.380 de 60 a 64 anos; 178.933 de 55 a 59 anos e 107.593 de 50 a 54 anos.

Deste modo, até a data recibiron polo menos unha dose 1.114.362 persoas maiores de 50 anos no conxunto de Galiza, que supoñen un 87,27% das susceptíbeis de vacinarse a partir desa idade.

A estas súmanse 31.219 persoas de 45 a 49 anos; 28.167 de 40 a 44 anos; 20.531 de 35 a 39 anos; 16.490 de 30 a 34 anos; 13.390 de 25 a 29 anos; 7.365 de 20 a 24 anos; 733 de 15 a 19 anos e un do grupo de 10 a 14 anos .