UXT e CCOO instan a resolver as carencias do sistema de protección social das persoas maiores

Os sindicatos piden garantir que todas as persoas "poidan envellecer con autonomía e en condicións saudábeis". (Foto: Europa Press)
"É necesario avanzar na senda das últimas reformas do Sistema Público de Pensións e Seguridade Social que aseguran pensións dignas ás e os pensionistas actuais e futuros", afirman.

Os sindicatos UXT e CCOO instaron este domingo a resolver as "carencias" do sistema de protección social das persoas maiores, e reivindicaron a necesidade de incrementar o investimento na sanidade pública, especialmente na atención primaria, e desenvolver políticas públicas en materia de promoción da saúde. Ademais, consideraron "fundamental" mellorar a atención domiciliaria, reforzar os centros de atención diúrnos e nocturnos e mellorar as condicións laborais dos coidadores, na súa maior parte mulleres.

UXT destacou no manifesto remitido este domingo con motivo do Día internacional das persoas maiores que até 70% das prazas residenciais que hai no conxunto do Estado español son privadas, así como que tamén hai un elevado número das públicas que son xestionadas por empresas privadas. As organizacións sindicais lembraron que o sistema público de saúde, a protección á dependencia, os servizos sociais ou o sistema público de pensións, entre outras cuestións, "son elementos esenciais para que as persoas poidan envellecer con autonomía e en condicións saudábeis".

Nesta liña, subliñaron que se trata de instrumentos para loitar contra a desigualdade en todas as etapas da vida, abordando as diferenzas territoriais existentes, así como a cobertura de servizos e recursos destinados para as persoas maiores. UXT e Comisións subliñaron que é "necesario avanzar na senda das últimas reformas do Sistema Público de Pensións e Seguridade Social que aseguran pensións dignas ás e os pensionistas actuais e futuros", aínda que detallaron que hai que mellorar as non contributivas, as mínimas e, especialmente, ir fechando a fenda de xénero.

Ambos os sindicatos insistiron na importancia de deseñar un Plan nacional contra a soidade non desexada, medidas específicas para aumentar a protección das persoas maiores na "España baleirada", ou levar a cabo unha transformación dixital inclusiva ou acabar coa discriminación que sofren as persoas maiores no acceso aos servizos bancarios.

Así, UXT enfatizou que é necesaria "máis atención ás persoas no seu domicilio", debido a que hai que identificar as persoas con maiores necesidades de atención e priorizar as consideradas imprescindíbeis en cada caso para así poder reorganizar os recursos. Por todo iso, as organizacións sindicais han reclaman unha Lei Integral dos Dereitos das Persoas Maiores que contemple todos estes ámbitos e garanta un envellecemento digno, activo e a participación das persoas maiores en todos os ámbitos da sociedade.

Finalemente, UXT e CCOO destacaron que case 20% dos máis de 48 millóns de habitantes no Estado español son maiores de 65 anos, polo que destacaron que "hai que facer fronte aos retos que isto expón".