Así sería unha base humana en Marte

Recreación dun posíbel asentamento humano en Marte. (Ilustración: Irene Pérez)
Persoal investigador da UVigo recrea un futuro asentamento humano no planeta vermello.

Persoal investigador do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da Universidade de Vigo (UVigo) vén de desenvolver un deseño conceptual dunha base humana en Marte, que conta con tres pisos para laboratorios e vivenda sobre unha planta hexagonal.

Primeira planta. (Irene Pérez)

Tal como recolle o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), a chegada do ser humano a Marte é un dos retos máis ambiciosos das distintas axencias espaciais. A NASA estadounidense, por exemplo, ten o obxectivo de enviar astronautas ao planeta vermello a finais da década de 2030 ou a comezos dos anos 40 do século actual. En consecuencia, persoal científico da UVigo realizou o deseño conceptual deste asentamento humano en Marte, centrando a súa investigación no comportamento térmico da estrutura proposta. O grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, dirixido polo profesor Fernando Aguado, leva varios anos traballando en proxectos relacionados coa colonización de planetas e satélites do Sistema Solar.

Entre as iniciativas máis destacadas neste ámbito está a súa colaboración no deseño integrado dun vehículo guindastre para explorar o interior de tubos de lava na Lúa. Continuando con esta liña, membros do grupo realizaron o deseño dunha base humana en Marte.

Os resultados da súa investigación foron publicados na revista Acta Astronáutica, da editorial Elsevier. "É necesario propor posíbeis deseños de hábitat para aloxar seres humanos nunha contorna tan hostil como a marciana e esta quere ser a nosa primeira contribución neste ámbito", destacou o persoal investigador.

A idea parte dun TFG

Segundo explicaron os seus responsábeis, o estudo parte dunha idea acordada o pasado curso académico para a realización dun Traballo de Fin de Grao polo alumno de grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense Marcos Salgado. "O potencial do TFG realizado fixo posíbel desenvolver a investigación publicada agora, grazas á incorporación ao equipo do profesor da área de Enxeñaría Aeroespacial Alejandro Gómez e da investigadora do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais Uxía García", precisaron.

Laboratorio. (Ilustración: Irene Pérez)

Neste senso, subliñaron que Marte é un planeta cuxas condicións "non son apropiadas para a vida do ser humano". Por iso, a análise centrouse nun primeiro momento nos principais aspectos que conforman a contorna marciana, como a súa atmosfera, a temperatura —cun rango moi alto que vai desde os 100 graos baixo cero até os 20 graos—, a súa radiación —letal por non ter magnetosfera— ou os seus solos.

"O hábitat deseñado tamén tiña que cumprir unha serie de requisitos que facilitasen longas estadías, como sinxeleza, resistencia e habitabilidade para un apropiado benestar psicolóxico", engadiron. Por iso, o equipo investigador desenvolveu un deseño conceptual do hábitat baseado nunha estrutura fabricada integramente na Terra e realizado após un estudo das alternativas previas, tentando combinar as vantaxes dalgunhas á vez que minimizar os seus inconvenientes.

En concreto, o hábitat creado ten unha planta hexagonal, de 4,5 metros cada lado, e está formado por tres plantas de 2,8 metros de altura cada unha. Os materiais principais empregados na fabricación son as aliaxes de aluminio. "Definimos unhas estancias para vivenda, con dormitorios, aseos e zonas comúns, e outras para albergar laboratorios para a realización de experimentos", apostilaron os seus creadores.