Usuarias de residencias denuncian a "falta de supervisión" da Xunta nos centros para atender a dependencia e a discapacidade

A conselleira de Política Social, Fabiola García. (Foto: Xunta da Galiza)
A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade asegura que a problemática dalgunhas residencias da Galiza, "só se abordan con seriedade cando interveñen outros organismos públicos, como as forzas de seguridade ou Inspección de traballo".

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade criticou esta terza feira "a falta de actuación dilixente por parte da Consellaría de Política Social en materia de supervisión e control de centros asistenciais". Denunciando mesmo a falta de acción ante informes dos servizos de inspección da propia Consellaría.

Así, a asociación recalca que casos como o feche da Vivenda Comunitaria Xardín, Amoeiro (comarca de Ourense), que se fixo público o 2 de outubro de 2025, constatan a inacción da Consellaría de Política Social. Aseguran que a problemática dalgunhas residencias da Galiza, “só se abordan con seriedade cando interveñen outros organismos públicos, como as forzas de seguridade ou Inspección de traballo".

Neste sentido, recalcaron que o feche da residencia de Amoeiro só se iniciou despois dunha denuncia dun particular que “alertou tanto á Xunta da Galiza -da que desde a asociación din descoñecer a resposta- como ao Concello de Amoeiro”.

Sendo finalmente as forzas de seguridade, que interviron a partir da comunicación municipal, as que requiriron directamente a actuación da Consellaría de Política Social. Así asociación asegura que non se debe obviar que o centro contaba cunha acta de inspección 15 días antes, e que “a Administración ocultou a información aos grupos parlamentarios e á opinión pública”.

No caso do xeriátrico de Amoeiro, o peche produciuse 23 días após da inspección na residencia. Así, o 26 de setembro produciuse a denuncia da familia e o feche non aconteceu até o 1 de outubro, malia que algunhas das persoas usuarias se atopaban en estado de desnutrición.