A USC repite entre as 500 mellores universidades do mundo

A 'Clasificación de Shangái' salienta o labor do persoal investigador da USC. (Foto: Santi Alvite)
A universidade de Vigo fica entre o posto 501 e o 600.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) volve situarse entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a clasificación elaborada por Academic Ranking World Universities (ARWU) que se vén de facer pública.

Así, a universidade da capital galega consolida a súa posición no intervalo 401-500, que mantén desde o ano 2020. A popularmente coñecida como 'Clasificación de Shanghái' avalía máis de 2.500 universidades de todo o globo e publica os resultados das mil que a encabezan.

Entre os criterios de avaliación inclúense diferentes indicadores de rendemento académico e de investigación. Aliás, considera o persoal investigador altamente citado na base de datos de Clarivate, os artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e Social Science Citation Index e o rendemento per cápita das universidades en función da dimensión do seu persoal académico.

Na escolla da universidade compostelá salienta a súa posición nunha quincena de ámbitos científicos

A respecto da clasificación por materias, o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), elaborado polo mesmo organismo, destacou a posición da USC nunha quincena de ámbitos científicos.

Por exemplo, en Odontoloxía e Ciencias Orais a universidade ocupa o intervalo 101-150 a nivel mundial, entre case un centenar de países, e fica en segunda posición no conxunto do Estado español.

Outras áreas que ocuparon unha alta posición na lista foron Ciencias Veterinarias —intervalo 101-150 e oitava a nivel estatal—, Farmacia —151-200 e posición catro-cinco no Estado—, Ciencias Políticas —201-300 e catro-cinco no eido estatal— e Física —mesmo posto global e intervalo 8-11 a nivel do Estado español—, entre outras.

Nesta clasificación tamén se acha a Universidade de Vigo (UVigo), após a USC, entre o posto 501 e o 600.