A USC dá o visto e prace ao acordo para descentralizar Medicina sen "alterar" o convenio

Antonio López, reitor da USC. (Foto: USC)

Tamén aproba unha folla de ruta con demandas trasladadas pola facultade, xa coñecidas polas outras universidades.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto e prace ao acordo para descentralizar o Grao de Medicina, que fora aprobado en novembro polo Consello de Docencia Clínica. Tamén deu luz verde a unha "folla de ruta" con demandas trasladadas pola facultade, que se abordarán na comisión de seguimento.

O reitor da USC, Antonio López, deu a coñecer a noticia tras unha reunión extraordinaria do Consello de Goberno, que incluía como único punto do día esta cuestión: "O que aprobamos é o convenio sen alterar os termos nos que viña".

Este visto e prace chega despois de que, na tarde da quinta feira, a asemblea da Facultade de Medicina acordase por unha ampla maioría -64 votos a favor fronte a 21 en contra e 4 en branco- apoiar o convenio. O seu 'non' en primeira instancia foi o que, durante tres semanas, deixara en suspenso a posibilidade de que a descentralización seguise adiante.

Deste modo, López asegurou que as demandas da facultade son coñecidas polas universidades da Coruña (UDC) e Vigo (UVigo), que convocou unha sesión da súa Consello de Goberno o 23 de decembro para votar o convenio. "[As peticións] non están formalizadas como un acordo, pero si son coñecidas", asegurou.

Esta folla de ruta inclúe, entre outros, a incorporación de representación do alumnado á comisión de seguimento, cun máximo de tres persoas "con voz e voto". Tamén se pedirá que, no alumnado que estea actualmente matriculado, a adscrición ás unidades decentes das outras dúas cidades se faga segundo as súas preferencias, "aínda que non se cumpran as porcentaxes".

En principio, o calendario, que prevé finalizar a descentralización no curso 2028/29, mantense invariábel, "agás que se chegase a outro acordo" entre as cinco institucións -as tres universidades e as Consellerías de Educación e Sanidade-.