As universidades galegas tratan de adaptar as aulas durante o confinamento

Claustro de Fonseca, en Compostela (Universidade de Santiago de Compostela).
A Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña puxeron en marcha medidas para adaptar as aulas durante os días que dure a corentena decretada polo Goberno central.

"Diante das medidas adoptadas polos gobernos español e galego, faise preciso adaptar ás novas circunstancias a resolución de peche das instalacións da UDC adoptada o pasado 14 de marzo, a fin de protexer a saúde do persoal da UDC e de asegurar que o alumnado non perda o curso 2019-2020", informou o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, nun comunicado público no que debullou as medidas que se implantarán mentres dure o estado de emerxencia decretado polo Goberno central. E entre elas está garantir a formación non presencial.

"Aínda sería precipitado promover medidas drásticas para salvar o curso académico, como pode ser a modificación do calendario académico. Seremos prudentes e iremos avaliando o escenario para, unha vez pasada a crise, atopar unha solución", apuntou noutro comunicado o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa. Nel recomenda ao profesorado a modificación das guías docentes para adaptalas ao tempo que duren as medidas de confinamento,

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) tamén asegurou a docencia telemática ao seu alumnado. "Por iso, pedímosvos que esteades pendentes do correo electrónico que tedes rexistrado na Universidade así como do Campus virtual", sinalou o reitor Antonio López nunha resolución.

Carmen Legerén é alumna da USC. “O reitor enviounos correos electrónicos explicándonos as reunións que foron mantendo e como se van aplicar as medias, sen aclarar demasiado”, explica a Nós Diario. “Despois, o noso coordinador do mestrado explicounos que se habilitarán aulas virtuais, outras docentes enviáronnos test preguntando polos horarios dos que dispoñemos, se preferiamos que nos enviasen apuntamentos, traballos grupais ou individuais e outras aínda non se pronunciaron, pero pouco a pouco estano facendo”, di.

Na súa comunicación co estudantado, o profesorado e o persoal investigador as tres universidades animan a cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias. E, se ben os centros ficarán pechados, nalgúns casos as investigadoras poderán acceder a recoller materiais extremando as medidas de precaución.