A Unión de Consumidor@s súmase ao proceso xudicial da hepatite C contra altos cargos da Xunta

A Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL) vén de anunciar que comparece como acusación popular no proceso xudicial no que foron imputados dous altos cargos do Goberno de Feijóo polos supostos atrasos na prescrición de medicamentos a persoas con hepatite C.

Nun comunicado de prensa, a UCGAL sinala que decidiu sumarse ao proceso xudicial porque os feitos que están a ser investigados “afectan a un dereito tan fundamental como é o dereito á saúde e o acceso aos tratamentos axeitados”.

Neste contexto, confirma que a decisión “está plenamente xustificada, ao se tratar dun caso no que se verían afectados os dereitos das persoas usuarias do servizo público de saúde”.

Como asociación de consumidores representativa en Galiza, a UCGAL di posuír “a lexitimación necesaria para o inicio de accións legais para a defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias”, máxime, advirte, “nun  eido tan relevante como o da saúde e en relación cuns feitos de tanta transcendencia”. De aí que considere que resulta “obrigado” se sumar ao proceso.

A reacción da Unión de Persoas Consumidoras xorde após coñecerse a denuncia presentada polo Ministerio Fiscal, que acusou a Xunta dun delito de "homicidio por imprudencia grave" ao sérenlles negados ou atrasado o acceso ao tratamento.