Unha inmobiliaria corta a luz e a auga a unha familia cunha crianza de 20 meses en Brión

Concentración contra os despexos [Amaía]

Denúnciao a plataforma Stop-desafiuzamentos de Compostela, que convoca para esta sexta feira ás 12h unha concentración diante da empresa Urban, responsábel de colocar nesta situación unha parella moza que subsiste con 426 euros mensais

A plataforma Stop-desafiuzamentos de Compostela denuncia que a inmobiliaria Urban, moi coñecida na cidade, cortou o subministro de auga e de luz a unha parella moza cunha crianza de 20 meses na localidade de Brión.

Para denunciar esta situación, o colectivo convoca para esta sexta feira, día 12, unha concentración ás portas da empresa. 

Tal e como relatan nun comunicado enviado á imprensa, a familia solicitou en decembro unha vivenda de alugueiro social a través de Urban, en virtude dun convenio que a inmobiliria mantén co Instituto galego de vivenda e solo.

Porén, non puido empadroarse no inmoble que lle adxudicaron porque, segundo o Concello, ten licenza de aparthotel para persoas maiores de 65 anos.

Unha renda de 426 euros mensais

Perante este problema, Urban ofrece outra vivenda "garantindo as mesmas condicións" malia que o contrato de arrendamento é para unha semana e que o prezo do aluguer, no novo contrato xa en firme, "practicamente supón do dobre do anterior". Voltaron ao primeiro inmoble, mais xa lle mudaran a pechadura. A inmobiliaria "non ouve as súas reclamacións e só lles di que ou o toman ou o deixan". A renda mensal para subsistir a parella e a crianza é de 426 euros. 

Stop-desafiuzamentos acompañou a familia até Urban para negociar unha prórroga no alugueiro e que se volvesen dar de alta os subministros de auga e luz "porque hai un bebé polo medio tamén". Aínda así, a empresa negouse "dando mostra dunha actitude prepotente ao máis puro estilo mafioso", censuran desde a plataforma cidadá contra os despexos. 

"Acoso inmobiliario"

Do Valedor do Pobo conseguiron o compromiso de que o Concello @s empadroe na primeira vivenda polo que a concentración ten por obxecto exixir o cambio de pechadura e a entrega "inmediata" das novas chaves, para alén de denunciar a situación en que Urban colocou unha familia moza cunha crianza de 20 meses, cortando auga e luz como maneira de facer presión para que deixasen libre o inmoble. Unha situación que Stop-desafiuzamentos non dubida en cualificar de "acoso inmobiliario". 

A través da Plataforma de afectad@s pola hipoteca (PAH) a familia tería ao seu dispor unha vivenda gratuíta. Porén, terían que emigrar a Alacante e carecen de recursos para realizar o translado.