Editorial Sermos331: un diario para todas e todos

Un aspecto da redacción de Sermos

Chegamos ás 3.000 subscricións, o mínimo necesario para garantir a estabilidade económica do diario en galego e a súa independencia, mais non nos poñemos límites. Queremos ir alén desa cifra para afortalar un medio de calidade. O bo xornalismo é máis necesario que nunca, sobre todo cando calquera pode converterse en altofalante de feitos noticiosos sen ningún tipo de contraste. De aí que entre todas e todos teñamos que reivindicar un modelo de información que permita que as bases sobre as que se sustenta economicamente o proxecto só dependan das nosas subscritoras e subscritores, das nosas lectoras e lectores.

 

Para nos erixir nunha sociedade libre, precisamos contar con prensa libre e incorruptíbel e precisámosvos a vós, que todas e todos acreditamos na necesidade de contarmos con medios independentes que rendan contas perante a honestidade e a verdade. E é que o xornalismo non debería buscar máis recompensa que contribuír a crear cidadanía crítica, con capacidade de pensamento e reflexión.

 

Podemos construír un diario en galego grazas á participación de todas as persoas que apostaron no proxecto e de quen conforma a nosa base lectora, a presente e a futura. É así como queremos construír esta iniciativa e así é, colectivamente, como superaremos as dificultades. Grazas, grazas e máis grazas polo voso apoio.