A UDC fixa como espazos libres de fume todos os recintos universitarios, os seus accesos inmediatos e as beirarrúas circundantes
Lembra que o fume de cigarros convencionais ou electrónicos e doutros dispositivos de vaporeamento afecta tanto a persoas fumadoras como ás non fumadoras que o respiran involuntariamente
En liña co marcado nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel da ONU), por un fomento da saúde, e consciente de que o fume de cigarros convencionais ou electrónicos e doutros dispositivos de vaporeamento afecta tanto a persoas fumadoras como ás non fumadoras que o respiran involuntariamente, a Universidade da Coruña vén de aprobar a normativa “Campus sen fume”.
O documento, aprobado no Consello de Goberno da UDC, estabelece como espazos libres de fume todos os recintos universitarios, incluíndo non só o interior dos edificios, senón tamén os seus accesos inmediatos, así como as beirarrúas circundantes tal e como se reflicte dende hai anos na normativa vixente, que recomenda non fumar no resto de zonas ao aire libre dos campus, equiparando o vaporeamento ao hábito de fumar tabaco.
Deste modo, a UDC afirma que asume o compromiso de crear un ambiente saudábel, sustentábel e seguro, para que todas as persoas da comunidade universitaria -estudantes, persoal docente e investigador, persoal técnico de xestión e de administración e servizos, e persoal externo contratado- e as persoas que visitan a Universidade poidan desenvolver axeitadamente o seu traballo.
A nova norma enmárcase no compromiso da UDC cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, recollido no Plan Estratéxico UDC 2022-2026 e reforzado no recente Plan de Vida Saudábel e Benestar.
Como medidas prioritarias para o cumprimento desta normativa, prevense a instalación de carteis na entrada das facultades, escolas, e o resto dos edificios dos campus, que os identifique como centros libres de tabaco, cigarros electrónicos e outros dispositivos de vaporeamento; así como a eliminación de cinceiros e outros soportes para cabichas. Esa mesma sinalética colocarase tamén nos espazos ao aire libre dos campus universitarios.
Ademais, realizaranse accións de sensibilización, formación e apoio ás persoas da comunidade universitaria que desexen deixar de fumar, en colaboración con entidades externas á UDC, como a Asociación Española contra o Cancro, no marco da Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS), entre outras, e coa participación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, a Oficina de Sustentabilidade e a UDC Saudábel.
Plan libre de tabaco, campus sen fume
A normativa sobre o campus sen fume da Universidade da Coruña nace acompañada para o seu desenvolvemento do “Plan libre de tabaco, campus sen fume”; cuxos principais obxectivos programáticos son potenciar os campus sen fume, fomentar a norma social de non fumar nin vaporear e sensibilizar e formar sobre os beneficios de facelo, facilitar o abandono da dependencia do tabaco.
Este plan implantarase no curso académico 2024/2025 no Campus de Ferrol e estenderase a continuación, de xeito progresivo, aos diferentes espazos do Campus da Coruña.