O TXSG resolve contra a CRTVG e recoñece o dereito do persoal á xubilación parcial anticipada
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), nunha sentenza ditada o pasado día 13 de novembro e á que a tivo acceso Nós Diario, estimou unha demanda presentada contra Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), antiga denominación da Corporación de da Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), declarando nula "a práctica empresarial de denegar a partir de 1 de abril de 2025, as solicitudes de acceso á xubilación parcial anticipada que formulan as persoas traballadoras da CRTVG
que cumpren os requisitos estabelecidos legalmente, e declarar que a CRTVG ten a obriga de acceder á xubilación anticipada e á formalización do correspondente
contrato de substitución a partir do 1 de abril de 2025".
A demanda, rexistrada pola CIG, CUT, UXT, USO e CCOO, sindicatos con representación no Comité Intercentros de CSAG, denunciaba os criterios manifestados pola dirección da compañía para negarse a recoñecer o dereito á xubilación anticipada. Neste sentido, a sentenza do TSXG sinala que "a parte social intentou resolver a controversia de forma extraxudicial no seo da comisión paritaria do convenio da CRTVG, a mesma non aceptou a negociación proposta polos sindicatos e negouse a reconsiderar a súa postura, manifestando que é imposíbel que poidan formalizar contratos de substitución con carácter indefinido".
A sentenza considera "que non existe contradición ningunha entre o dereito que recoñece o convenio colectivo da CRTVG para acceder á xubilación parcial a quen o solicite e cumpra os requisitos legais esixíbeis en cada momento, e o imperativo legal de que, a partir do 1 de abril de 2025 os contratos de substitución asociados a esta xubilación parcial anticipada subscribiranse con carácter indefinido".