A TVG ve "extraordinarios" os datos de audiencia, malia a súa baixada
A audiencia anual da televisión e radio pública galega ficou en 2025 por baixo da media da Forta —federación de canles autonómicas—: 8,4% para o CSAG fronte a 8,5%, segundo denunciou a oposición. A deputada do BNG Olalla Rodil cuestionou esta sexta na Comisión de control da corporación no Parlamento o "desastre de audiencias" da CSAG, co foco nos datos dos informativos, mentres que a directora xeral do ente público, Concepción Pombo, defendeu que os datos son "obxectivamente extraordinarios".
Nunha pregunta, a nacionalista lamentou que a CSAG botase o fecho a 2025 "cunha cota de pantalla do 8,4%", unha cifra coa que, "tocan fondo outra vez respecto ao ano anterior" e "cunha caída xeneralizada en todos os días da semana". Neste punto, fixo fincapé en que agora "xa non aguanta nin o Telexornal". Rodil recoñeceu que hai unha caída xeneralizada das audiencias, debido a que "se consume información e entretemento de formas distintas", mais insistiu en que "vendo os movementos noutras televisións públicas" as audiencias da TVG "non poden categorizarse doutra maneira que como un desastre". "Igual o que falta é unha conexión coa realidade que viven os galegos.
Cada vez é máis difícil disociar a grella e a selección de temas do argumentario do PP e iso o que fai é afastar máis aos galegos dos seus medios de comunicación e dos seus servizos informativos, que historicamente foron os preferidos porque son os que falan da nosa realidade máis próxima", engadiu. Rodil preguntou á directora da CSAG "que vai facer para conseguir conectar máis coa audiencia".
Pombo afirmou que a TVG foi "a canle autonómica máis vista do Estado para o Estudo Xeral de Medios", ademais de que para Kantar Media "foi a cuarta canle autonómica máis vista e a segunda máis vista entre as que empregan a lingua propia". No ámbito dixital, Pombo reivindicou que as canles da corporación alcanzaron "os mellores rexistros da súa historia, 1.300 millóns de impresións e 1.000 millóns de reproducións na plataforma agalega.gal".
Por outra parte, a deputada do BNG Mercedes Queixas trasladou na comisión unha denuncia do comité de empresa que sinala que "o magazine da fin de semana da Radio Galega farase por unha produtora nun estudo que se está montando en Ordes", unha afirmación sobre a que Concepción Pombo sinalou que a Corporación "non esta para dar valor a rumores". Queixas pediu "diálogo" cos traballadores e instou á directora xeral a que "se comprometa a que non vai continuar o proceso de privatización".
"Ocultación"
Por último, a deputada do PSdeG Silvia Longueira criticou na comisión que a dirección da CSAG “falte ao rigor profesional” ao agochar as visitas no medio público "dos membros do Goberno estatal" para cubrir un campionato de tute.