A TVG rexistra en 2025 a súa audiencia máis baixa desde hai 33 anos

Concepción Pombo, directora xeral de CSAG. (Foto: Europa Press)

A TVG volveu perder audiencia en 2025 e xa é a cuarta canle da Galiza.

A Televisión da Galiza (TVG) fechou 2025 cos seus datos máis baixos de audiencia desde 1992. Segundo as cifras achegadas pola empresa Kantar Media, a canle galega  rematou o ano cunha cota de pantalla de 8,4%, o que representa unha caída de dúas décimas en relación con 2024.

Os peores datos de audiencia da TVG até 2025 eran os de 2024, cando a súa cota de pantalla ficou en 8,6%. As cifras fican moi lonxe das rexistradas nos anos do Goberno bipartito, cando a canle galega chegou a alcanzar un share de 14,1% en 2007 ou de 15,5% en 2008.

A perda de espectadores foi constante longo de todo o ano. Ao tempo, manifestouse en todas as franxas horarias e en todos os formatos. Neste sentido, a TVG marcou o seu peor dato no mes de xuño.

A TVG situouse en 2025 como a cuarta canle en número de espectadores da Galiza. Un ano máis, o liderado recaeu Antena 3, que fechou a pasada anualidade cunha cota de pantalla de 12%, seis décimas por baixo do seu resultado de 2024.

A cuarta canle da Galiza

A canle pública española La 1 volveu medrar audiencia en 2025, pasando a sumar 9,8% de cota de pantalla, o que significa dúas décimas máis que en 2024 e amosa a súa tendencia ao crecemento constante rexistrado nos últimos anos.

Telecinco, a canle do grupo Mediaset, concluíu 2025 cunha cota de pantalla de 8,8%, após deixarse 1,2% puntos de audiencia e un 12% de espectadores nun só ano. Neste sentido, a canle segue na Galiza unha tendencia análoga á marcada no conxunto do Estado.

A suba de Cuatro

Unha das sorpresas de 2025 chegou da Cuatro, a outra canle do grupo Mediaset, que marcou unha audiencia de 5,5%, incrementado a súa cota de pantalla en seis décimas e o seu número de espectadores en 12,2%

A outra cara da moeda ofreceuna laSexta. A canle, propiedade do grupo Atresmedia como Antena 3, rematou 2025 cunha cota de pantalla de 6,6%, após deixarse 4,3% da súa audiencia nun só ano.