A TVG foi a canle autonómica que máis audiencia perdeu en 2024 tras deixarse o 21,9% do seus espectadores
2024 pasará a historia da Televisión da Galiza (TVG) como o ano da primeira folga indefinida da compañía contra a manipulación informativa. Mais, tamén, como o exercicio en que perdeu o 21,9% da súa audiencia.
A Televisión da Galiza (TVG) foi a canle da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) que mais espectadores perdeu ao longo de 2024. Segundo o informe anual para 2024 da consultora de audiencias televisivas Barlovento Comunicación, a TVG fechou o pasado ano cunha caída da audiencia de 2,4 puntos, que lle fixo pasar dunha cota de pantalla media de 11% en 2023 a 8,6% en 2024.
O informe de Barlovento Comunicación, realizado cos datos de audiencia recollidos pola empresa Kantar Media entre 1 de xaneiro e 15 de decembro de 2024, conclúe que ningunha outra canle pública autonómica ten unha baixada tal elevada de espectadores nesa anualidade. Tanto é así, que duplica a de Canal Sur, a televisión andaluza que rexistra a segunda maior caída de audiencia.
Perda de espectadores
A perda de espectadores foi constante e continuada ao longo de todo o ano. Ao tempo, manifestouse en todas as franxas horarias e en todos os formatos, non permanecendo alleos a esta caída os informativos, particularmente, os de mediodía. Neste sentido, o relatorio de Barlovento Comunicación apunta que a Televisión da Galiza marcou o seu peor dato do ano no mes de decembro.
2025 non comezou mellor para a TVG. A emisión das badaladas desde a praza compostelá do Obradoiro, cortada precipitadamente polos berros de “Altri non” das miles persoas congregadas nese espazo, xuntou diante das pantallas de Televisión da Galiza 102.000 espectadores no minuto das uvas, exactamente 72.000 menos das reunidas un ano antes nese mesmo momento. Así as cousas, a caída da cota de pantalla foi de 51,7%, pasando de 20,3% en 2024 a 10,5% no actual.
Protestas do persoal
As cifras sobre a baixada de espectadores chegan nun momento complexo para a TVG. A perda de audiencia prodúcese nun ano de forte contestación a liña informativa da compañía por parte do seu persoal, que protagonizou 32 xornadas de folga no último trimestre de 2024. Precisamente, a principal demanda do comité intercentros da CRTVG durante as mobilizacións foi “rematar coa manipulación informativa”.
A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovido por máis de 40 colectivos baixo o lema de "Liberemos a Galega!" responde ao mesmo obxectivo. Nesta dirección, reclaman da CRTVG "información veraz, obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade", co obxectivo que os medios públicos galegos sexan "un reflexo do pluralismo que existe na Galiza".
A caída da audiencia, a folga do persoal da CRTVG e a ILP "Liberemos a Galega!" coinciden coa aprobación por parte do Goberno dun novo proxecto de Lei de medios, que segundo a oposición, aspira a “reforzar o control político” da televisión e da radio pública. A norma estará aprobada para o primeiro trimestre deste e suprime o Consello de Informativos e o Estatuto Profesional, dous órganos creados na lei de 2013 co obxectivo de garantir a neutralidade e a imparcialidade informativa.
A CRTVG prepárase para a saída de Sánchez Izquierdo
O cambio lexislativo será antesala da saída da dirección da CRTVG, do seu actual responsábel, Alfonso Sánchez Izquierdo, unha persoa de Nuñez Feixoo, que con máis de 75 anos ten expresado en repetidas ocasións o seu desexo de deixar a cargo.
O proxecto de lei estabelece que a Dirección Xeral dos medios públicos deberá ser elixida en primeira votación por dous terzos e en segunda por tres quintos do Parlamento da Galiza, isto é, por 45 dos 75 representantes da Cámara. Porén, nunha das súas disposicións transitorias fíxase que no caso de non alcanzar a proposta esa maioría reforzada abondará, pasados tres meses, coa maioría absoluta dos membros do Parlamento, fixada en 38 escanos, para designar a persoa responsábel da Corporación da Radio e Televisión da Galiza. Concretamente, o Partido Popular posúe 40 escanos na Cámara galega.
O Partido Popular terá con esta norma as mans libres para impor o sucesor de Sánchez Izquierdo sen contar coa oposición. Neste contexto, son varios os nomes que sonan para dirixir a CRTVG, dándose por feito que será unha persoa do círculo máis próximo do presidente galego, Alfonso Rueda. Nesta lóxica, semella que non sairá da actual equipa da CRTVG, sendo moitas as voces que apuntan como relevo de Sánchez Izquierdo ao director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez.