O TSXG tomba unha planta de combustíbel en Viana do Bolo

O Tribunal Superior de Xustiza  da Galiza (TSXG) acaba de desestimar o recurso polo que a empresa Paratermo Enerxía SL tratou de reverter a denegación, por parte da Xunta, da Autorización Ambiental Integrada para a execución dunha planta de produción de combustíbel industrial mediante gasificación de carbón en Viana do Bolo.

Con esta sentenza, o alto tribunal galego tomba o proxecto e faino aludindo á Declaración de Impacto Ambiental (DIA) –o mesmo documento co que a Consellaría de Medio Ambiente acaba de paralizar o proxecto da explotación mineira en Touro–, na que xa se propoñía a denegación.

Agora, a resolución xudicial  salienta que ese trámite ten "natureza de informe vinculante e preceptivo, polo que declara se procede ou non, a efectos ambientais, a realización do proxecto". "A DIA propoñía a denegación do proxecto, e o sentido da Autorización Ambiental Integrada só pode ser de non autorización", estabelece o ditame, que explicita que o informe foi desfavorábel tras concluír, unha vez examinados os informes e documentación achegada pola empresa, que o proxecto previsibelmente causaría "efectos negativos significativos sobre o medio ambiente". A DIA resolvía tamén que as medidas previstas polo promotor non garantían "suficientemente a súa corrección". 

En perigo de extinción

Segundo recolle o TSXG, o proxecto non se considerou executábel "considerándose ademais o elevado risco para numerosas especies protexidas e en perigo de extinción da zona e para o patrimonio cultural e o severo impacto paisaxístico". Tamén se alude á "indefinición" da documentación en "aspectos ambientais clave, que non foron aclarados polo promotor".

O informe da Xunta aludía a unha "total indefinición da localización da planta, accesorios e vías de transporte" e sinalaba, entre outras carencias, que non presentaba "alternativas ambientais senón só económicas".

Malia rexeitar o TSXG o recurso, argumentando que a empresa entregou moita documentación de forma "extemporánea" e "sen respectar o procedemento", a resolución lembra que esta pode presentar unha nova solicitude de Autorización Ambiental Integrada, que permitiría á Administración examinala de novo.